saltar ao contido

Parlamento de Galicia, Corporación de RTVG e Asociación de Ex-parlamentarios/as impulsan un libro e unha serie sobre as anécdotas da Cámara galega

Presentación 03/06/2019


• O Pazo do Hórreo acolleu esta tarde a presentación do libro Anecdotario do Parlamento, obra do xornalista Jesús Fontenla, director da serie de televisión
 
• Santalices reivindica máis anécdotas e menos chamadas á orde

Santiago, 3 de xuño de 2019.- O Pazo do Hórreo acolleu esta tarde a presentación do libro Anecdotario do Parlamento, obra do xornalista Jesús Fontenla a partir de 90 entrevistas con outros tantos ex-deputados/da Cámara que tamén serviron de base para a elaboración dunha serie de televisión titulada A Recámara, de 7 capítulos, que TVG emitirá en breve.
 
Este proxecto é consecuencia dun convenio asinado no seu momento polo Parlamento de Galicia, a Corporación de Radio e Televisión de Galicia e a Asociación de ex-parlamentarios da Cámara.
 
A presentación do libro, editado polo Parlamento, e da serie de televisión contou coa participación dos presidentes da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira; o director xeral da Corporación de Radio e Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo; o presidente de Asociación de Ex-parlamentarios/as, Jesús María Fernández Rosende; e o autor do libro e director da serie, Jesús Fontenla.
 
Durante o acto emitíronse diferentes vídeos con extractos das entrevistas con ex-deputados/as da Cámara nas que narran diferentes anécdotas e vivencias relacionadas coa primeira institución de Galicia.
 
O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, afirmou que o libro presentado hoxe é “necesario e orixinal” por tratarse do primeiro traballo monográfico sobre as anécdotas da Cámara galega.
 
Santalices tivo tamén verbas de agradecemento para todas as persoas e institucións que fixeron posible este proxecto.
Sinalou que A Recámara  é “unha serie necesaria, que urxía facer, para poder contar coas lembranzas e testemuñas, en primeira persoa, dos protagonistas da nosa historia parlamentaria, protagonistas e artífices do noso autogoberno”.
 
Para Santalices Vieira, “esta dobre aposta –serie e libro- é o mellor xeito de abordar e achegar á xente  a historia da Cámara desde unha óptica desenfadada, mais sen perder un ápice de rigor”. Agregou que “a serie era imprescindible nesta época de crecente protagonismo dos produtos audiovisuais, pero o libro segue sendo un formato necesario e demandado”.
 
 
A anécdota humaniza a política
 
O titular da Cámara insistiu en que a anécdota parlamentaria “humaniza a política e, xeralmente, achega os seus protagonistas á xente”.
 
“Oxalá que neste Parlamento –dixo Santalices- dedicásemos máis tempo a anécdotas enxeñosas e menos ou ningún tempo a comportamentos que desembocan en chamadas á orde que todas as presidencia, e eu o primeiro, detestamos”.
O presidente do Lexislativo autonómico reivindicou tamén o traballo das e dos cronistas parlamentarios galegos, “que nada teñen que envexar aos doutras latitudes ou momentos históricos”.
 
Tanto o libro como a serie de televisión céntrase nas sete primeiras Lexislaturas do Parlamento de Galicia nun intento de tomar distancia  respecto aos feitos. O presidente do Parlamento anunciou que o traballo terá continuidade para completalo a medida que avance o tempo.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina