Santalices reivindica a Lei Paz Andrade como un “paso de xigante” para fortalecer as relacións de Galicia coa lusofonía

acto 29/06/2019


• O presidente do Parlamento de Galicia participou este mediodía en Cambados na entrega do IV Recoñecemento Fundación Manolo Paz ao arquitecto portugués Álvaro Siza

Santiago, 29 de xuño de 2019.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, reivindicou hoxe a aposta da Cámara galega por reforzar os vínculos con Portugal a través de iniciativas como a Lei de iniciativa lexislativa popular Valentín Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos coa lusofonía, aprobada por unanimidade en marzo de 2014.
 
Trátase, a xuízo de Santalices, dun “paso modesto, mais un paso de xigante para que Galicia poida formar parte por dereito propio, sen renuncias nin complexos de inferioridade, da gran Commonwealth cultural que é a lusofonía”.
 
O titular do lexislativo galego compartiu estas reflexións este mediodía en Cambados, onde participou no acto de entrega do IV Recoñecemento Fundación Manolo Paz de Arte Contemporánea ao arquitecto luso Álvaro Siza.
 
Siza, “un de nós”
 
Santalices Vieira felicitou á Fundación Manolo Paz polo acerto de outorgar a súa distinción anual a Álvaro Siza, “un dos grandes arquitectos contemporáneos de todo o mundo” ao que, na súa opinión, “podemos considerar medio galego, un de nós”, en referencia aos vínculos históricos xeográficos e culturais que comparten Galicia e Portugal.
 
Subliñou tamén os vínculos profesionais de Siza coa Comunidade, xa que é autor de “proxectos que deixaron fonda pegada en Galicia”, como o Centro Galego de Arte Contemporánea, ademais de académico de honra da Real Academia Galega de Belas Artes.
 
O presidente do Parlamento tivo verbas de recoñecemento para o equipo da Fundación polo éxito das súas xornadas artísticas, que este ano acadan a súa cuarta edición, e para o propio Manolo Paz, “un dos escultores galegos e españois máis reputados, dentro e fóra das nosas fronteiras”.
 
 

Imaxes relacionadas