saltar ao contido

Santalices reitera o “compromiso inequívoco” do Parlamento coas persoas con discapacidade

Integración 18/11/2019

• Participou en Santiago no acto conmemorativo do 40 aniversario de FADEMGA Plena Inclusión Galicia
 
• Recorda que o Parlamento aposta pola integración laboral das persoas con discapacidade e se dispón a acometer unha obra para mellorar a accesibilidade do Pazo do Hórreo

Santiago, 16 de novembro de 2019.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, reiterou hoxe en Santiago o “compromiso inequívoco” da Cámara galega coas persoas con discapacidade, ao tempo que trasladou o afecto, solidariedade e recoñecemento da institución á traxectoria e ao labor que desenvolve FADEMGA Plena Inclusión Galicia, que hoxe celebrou o seu 40 aniversario.
 
No acto conmemorativo desta celebración, Santalices apuntou que o compromiso da Cámara coa discapacidade se acredita tamén “pola vía dos feitos”, máis aló da función propiamente lexislativa, ou da actividade da Comisión especial non permanente para o seguimento das políticas relativas á discapacidade e elaboración de novas propostas a prol da integración das persoas con discapacidade que vén funcionando no Parlamento de Galicia.
 
O exemplo do Parlamento
 
Como exemplos, Santalices Vieira recordou a aposta do Parlamento pola integración de persoas con discapacidade, a sinatura de convenios de colaboración coas diferentes entidades que operan no ámbito da discapacidade en Galicia, a sinalización orientada ás persoas con trastorno do espectro autista, a interpretación dos plenos da Cámara con lingua de signos e a complexa intervención programada para mellorar a accesibilidade do pazo do Hórreo.

Para o presidente do Parlamento, malia o limitado alcance destas medidas, o seu valor reside no plano simbólico, na medida en que “están chamadas a concienciar e animar ao conxunto da sociedade para avanzar todos na mesma dirección: a de acadar a integración plena das persoas con discapacidade, tanto nos diferentes contornos sociais, como no ámbito laboral”.
 
Barreiras psicolóxicas
 
Santalices Vieira apuntou que “as peores barreiras son as psicolóxicas, que moitas veces nós mesmos creamos e alimentamos, en ocasións insconscientemente”.
 
A xuízo do presidente do Parlamento de Galicia, “con boa vontade, co respaldo dos recursos e equipamentos públicos –e aquí cómpre congratularnos do enorme avance rexistrado nas últimas décadas- e, sobre todo, co esforzo e a ilusión de persoas como as que puxeron en marcha e fan medrar FADEMGA Plena Inclusión Galicia, nada ou case nada resulta imposible”.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina