• O presidente do Parlamento e mailo caricaturista asinaron esta mañá o contrato de doazón da colección, titulada Historia da Autonomía galega en caricatura (1985-2006) e integrada por 1.155 debuxos orixinais, que pasará a engrosar os fondos artísticos e documentais da Cámara galega
• Santalices agradece a xenerosidade de Siro López pola cesión desinteresada da súa obra, que se integra no patrimonio público da Comunidade Autónoma
Santiago, 23 de xuño de 2020.- O Parlamento de Galicia asumiu hoxe a titularidade da colección Historia da Autonomía galega en caricatura (1985-2006) integrada por 1.150 debuxos orixinais de Siro López Lorenzo e publicados no xornal La Voz de Galicia. A colección foi cedida gratuitamente por Siro López ao Parlamento de Galicia, que ve enriquecidos, desde xeito, os seus fondos artísticos e documentais.
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, asinou este mediodía con Siro López Lorenzo o contrato de cesión da colección. O Parlamento asume todos os dereitos de explotación das obras cedidas, incluídos os de reprodución, distribución, comunicación pública ou transformación.
Agradecemento
Santalices Vieira agradeceu a xenerosidade de Siro López por ceder desinteresadamente esta colección ao Parlamento de Galicia. “Poucas institucións, por non dicir ningunha, poden resultar mais acaídas que o Parlamento para custodiar unha colección de caricatura política que percorre algo máis de vinte anos da historia política da Comunidade Autónoma, dúas décadas na que a autonomía medrou e se afianzou definitivamente entre as galegas e galegos”, afirma Santalices.
“Agradecemento infinito, por tanto, a Siro Lopez pola súa xenerosidade co Parlamento de Galicia e co conxunto das galegas e galegos, na medida en que a súa colección se integra, desde hoxe, no patrimonio público da Comunidade Autónoma”, engade o titular da Cámara galega.
O Parlamento de Galicia conta cunha das máis completas e variadas coleccións de arte contemporánea da Comunidade, composta, fundamentalmente, por pintura e escultura; obras en propiedade, pero tamén doazóns e cesións temporais. Ademais, a Cámara custodia o legado bibliográfico e documental de Ricardo Carballo Calero, os irmáns Vilar Ponte, e de Elena Quiroga e Dalmiro de la Válgoma, entre outros.
A sinatura do contrato de doazón desta colección tivo lugar na denominada Sala das Letras Galegas do Parlamento de Galicia, un espazo no que se exhiben as efixies dos persoeiros homenaxeados o Día das Letras Galegas de cada ano, desde a primeira edición celebrada en 1963.
As Medallas das Letras Galegas foman parte da colección de arte do Parlamento de Galicia e son obra do debuxante e caricaturista Siro López e do escultor e medallista Manuel Ferreiro Badía.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.