saltar ao contido

Parlamento e Xunta de Galicia supervisan a entrega de menús solidarios de Nadal elaborados con produtos galegos de Mercaproximidade no marco dun convenio entre as dúas institucións

Mercaproximidade 24/12/2020

• Os menús foron elaborados no Centro Superior de Hostelería de Galicia por cociñeiras e cociñeiros galegos de prestixio coa colaboración da ONG do chef José Andrés
 
• Parlamento e Xunta de Galicia financian esta iniciativa con 65.000 euros, que se concretan na entrega de arredor de 7.700 menús de Nadal, distribuídos a través de 15 entidades sociais da Comunidade
 
Santiago, 24 de decembro de 2020.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, mailo conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia, José González Vázquez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén Castro, supervisaron esta mañá en Ourense unha das entregas de menús solidarios de Nadal elaborados ao abeiro dun convenio asinado entre o Lexislativo e o Executivo galegos para apoiar a colectivos e persoas desfavorecidas.
 
En concreto, Santalices Vieira, González Vázquez e Alén Castro asistiron á entrega dun lote de 350 menús de Nadal no comedor social de Cáritas Ourense, onde o titular do Parlamento de Galicia reiterou o compromiso social da Cámara galega.
 
Ao mesmo tempo, na Coruña, o vicepresidente primeiro do Parlamento, Diego Calvo Pouso, acompañado polo delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou entrega de tres lotes de menús de Nadal a outras tantas entidades sociais da cidade herculina para a súa posterior distribución entre persoas e familias vulnerables.
 
A Cociña Económica da Coruña recibiu 1.300 menús solidarios de Nadal, a Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos entregáronselle 300 menús e á Asociación Banco de Alimentos Rías Altas, na súa sede da Coruña, fíxoselle entrega de 1.041 menús. O volume das entregas é consecuencia do número de usuarios comunicado por cada entidade.
 
Os menús foron elaborados no Centro Superior de Hostalería de Galicia por cociñeiras e cociñeiros galegos utilizando produtos  agroalimentarios galegos e de proximidade, adquiridos directamente a agricultores, gandeiros e/ou industrias de transformación de Galicia ao abeiro da canle Mercaproximidade, impulsada pola Xunta durante a emerxencia sanitaria.
 
A iniciativa enmárcase nun convenio de colaboración asinado recentemente entre o Parlamento de Galicia, a Vicepresidencia Primeira e Consellería da Presidencia, Xustiza e Turismo, e a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, que destinan un total de 65.000 euros para financiar esta medida. A coordinación correu a cargo da ONG World Central  Kitchen, impulsada polo coñecido chef José Andrés.
 
No marco deste convenio elaboráronse arredor de 7.700 menús solidarios de Nadal, distribuídos a través de 15 entidades sociais diferentes con actividade en distintas cidades e volas de Galicia.
 
Iniciativa paralela
 
Co anterioridade, en novembro pasado, o Parlamento de Galicia asinou coa Consellería do Medio Rural outro convenio de colaboración para destinar un total de 130.000 euros á adquisición de máis de 123 toneladas de alimentos de Mercaproximidade para a súa distribución entre comedores sociais e bancos de alimentos da Comunidade Autónoma.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina