saltar ao contido

Santalices defende o “bilingüismo cordial” de Galicia e recorda a intercomprensibilidade co portugués

Asemblea Xeral da Rede Europea pola Igualdade das Linguas 12/11/2021

 
 
• O presidente do Parlamento participou no acto de recibimento aos participantes na Asemblea Xeral da Rede Europea pola Igualdade das Linguas

Santiago, 12 de novembro de 2021.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, defendeu esta tarde o “bilingüismo cordial que defendemos e practicamos en Galicia, sen vetos nin imposicións por parte de ninguén, porque as linguas son e deben ser sempre ferramentas de comunicación e puntos de encontro entre as persoas”.
 
Santalices compartiu esta reflexión na tarde deste venres durante o acto de recibimento aos participantes na Asemblea Xeral da Rede Europea pola Igualdade das Linguas que se celebrou no Pazo de Fonseca, en Santiago, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, que ostenta unha das vicepresidencia desta organización.
 
O titular do Lexislativo galego recordou que o idioma é o principal sinal de identidade de Galicia e que, logo de 40 anos de autonomía, o galego se converteu nunha lingua de cultura e prestixiada, cada vez máis presente en diferentes ámbitos.
 
Con todo, a xuízo de Santalices, o galego, como outras linguas, “continua precisando do apoio, do compromiso e da sensibilidade de todas e todos neste mundo globalizado”.
 
Recordou que tanto a Lei de Normalización Lingüística (1983) como a Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía (2014) contaron co respaldo unánime do Parlamento de Galicia.
 
Apuntou Santalices que o galego é a lingua maioritaria en Galicia, onde o 51% da poboación fala só en galego, ou máis en galego que en castelán, e subliñou que a totalidade das deputadas e deputados do Parlamento de Galicia, con independencia da súa ideoloxía, interveñen exclusivamente en galego.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina