saltar ao contido

Santalices: “Ningunha democracia pode descoidar a confianza nas institucións”

XIV Encontros Técnicos dos Órganos de Control Externo Autonómicos (OCEX 02/12/2021

 
• O presidente do Parlamento de Galicia inaugurou en Santiago os XIV Encontros Técnicos dos Órganos de Control Externo Autonómicos (OCEX), onde reivindica o labor destas institucións
 
• “A desconfianza fronte ás institucións constitúe o caldo de cultivo idóneo para que a desinformación, para que as fake news campen ás súas anchas, multiplicando os estragos da pandemia”, advirte
 
Santiago, 2 de decembro de 2021.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, inaugurou esta mañá, no compostelá Pazo de Fonseca, os XIV Encontros Técnicos dos Órganos de Control Externo Autonómicos-OCEX 2021, onde reivindicou a plena vixencia destas institucións, que en Galicia, no caso do Consello de Contas, ten rango estatutario.
 
Recordou Santalices que o vindeiro 19 de decembro se conmemora o 40 aniversario do Parlamento de Galicia, xurdido nunha época caracterizada pola precariedade de medios. Aínda así, Galicia foi quen de edificar as súas propias institucións de autogoberno, “sólidas, plenamente aceptadas pola sociedade e tamén plenamente leais ao marco de convivencia establecido pola Carta Magna”.
 
O presidente do Parlamento recordou que “lonxe da tentación abolicionista que avogaba por suprimir os órganos de control externo autonómicos, Galicia seguiu o seu propio modelo, o de facer máis con menos”, o que se traduciu nunha reforma lexislativa que no ano 2015 reforzou as competencias e independencia do Consello de Contas, ao tempo que lle atribuíu competencias en materia de prevención da corrupción no ámbito do sector público autonómico.
 
A xuízo do titular do Lexislativo galego “ningunha democracia que se prece pode descoidar a confianza nas súas institucións”, confianza que se constrúe “paseniñamente e se sustenta sobre piares diversos: a xestión responsable dos recursos públicos; a fiabilidade, previsibilidade e coherencia dos responsables públicos; o respecto escrupuloso ao marco normativo; ou a separación de poderes, entre outros”.
 
Baixa vacinación e desconfianza
 
Nesta liña, Santalices Vieira recordou as recentes informacións que vinculan  os índices “escandalosamente baixos” de vacinación fronte a covid-19 nalgúns países da Europa central e do leste coa desconfianza da cidadanía nas súas institucións despois do comunismo. Ao seu xuízo, “a desconfianza fronte ás institucións constitúe o caldo de cultivo idóneo para que a desinformación, para que as fake news campen ás súas anchas multiplicando os estragos da pandemia”.
 
Ao fío deste exemplo, o presidente da Cámara galega reivindicou o traballo dos órganos de control eterno, na medida en que “contribúen a achegar certezas e confianza nas nosas institucións”, ao tempo que defendeu “o bo facer de todos os servidores públicos”. “Uns e outros –agregou Santalices- constitúen a pedra angular das nosas democracias e de todas as sociedades avanzadas, plenas de dereitos e liberdades, que todos desexamos”.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina