• Santalices recorda o éxito da autonomía galega, que vén de cumprir 40 anos, pero admite que as institucións continúan a ser descoñecidas para moita xente
• “A Galicia actual é o que é grazas, en gran parte, á Xunta e ao Parlamento de Galicia”, afirma
Santiago, 14 de xaneiro de 2022.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez González, asinaron esta mañá en San Caetano o convenio de colaboración que permitirá estender ata o curso 2023-2024 o programa “Coñece as túas institucións”, impulsado polas dúas entidades para organizar visitas didácticas ás sedes do Lexislativo e o Executivo autonómicos.
Esta iniciativa, principiada a comezos de 2018, e paralizada coa expansión da covid-19, contempla a realización de visitas didácticas ás sedes do Parlamento e da Xunta de Galicia, en Santiago, por parte de alumnado de 5º e 6º de Primaria e de educación secundaria obrigatoria escolarizados en centros públicos da Comunidade Autónoma. Con esta experiencia búscase reforzar o coñecemento dos valores democráticos e do funcionamento e competencias dos poderes Lexislativo e Executivo de Galicia.
Transporte de balde ata Santiago
Ao abeiro do convenio asinado hoxe, Parlamento e Xunta financiarán o trasporte do alumnado participante, desde os centros educativos ata Santiago de Compostela onde, nunha mesma xornada, terán ocasión de coñecer as sedes das dúas institucións no transcurso dunha visita guiada na que reciben información, se responden as cuestións que poda plantexar o alumnado, ademais de acceder a material didáctico específico.
A web do Parlamento ofrece, ademais, diferente material didáctico orientado ao profesorado e o alumnado que opte por preparar a visita con antelación.
Tramitación electrónica
As solicitudes para a realización destas visitas serán xestionadas polo Parlamento de Galicia, atendendo á orde de presentación das mesmas. Os formularios de solicitude estarán dispoñibles na web do Parlamento, onde tamén poderán presentarse unha vez cumprimentados.
Inmediatamente despois da posta en marcha da primeira edición deste programa, no primeiro semestre de 2018, un total de 10.000 estudantes visitaron o Parlamento de Galicia no marco de “Coñece as institucións”, duplicando o volume de visitas escolares á sede da Cámara autonómica.
40 anos de autonomía
Trala sinatura do acordo, que tivo lugar na sede da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, en San Caetano, o presidente do Parlamento recordou que malia que as institucións autonómicas veñen de cumprir 40 anos de existencia, continúan a ser grandes descoñecidas nalgúns aspectos. “Aínda resulta frecuente que a xente confunda Xunta e Parlamento”, apuntou.
Con todo, “a Galicia actual – unha Comunidade avanzada e cosmopolita, cunha cobertura de servizos públicos de calidade que admite calquera comparación razoable- é o que é grazas, en gran parte, á Xunta e ao Parlamento de Galicia”, afirmou Santalices Vieira.
Para o presidente do Parlamento, a segunda edición do programa “Coñece as túas institucións” resulta especialmente acaída porque “constitúe unha magnífica clase práctica de historia contemporánea de Galicia e permite que o alumnado participante poda aprender e comprender sobre o terreo as diferencias entre os poderes Lexislativo e Executivo, ademais de ampliar a súa formación en valores democráticos”,
Engadiu que contribúe a dar a coñecer o “traballo calado” de deputadas e deputados, máis aló das súas intervencións públicas; e tamén as diferentes ferramentas de participación cidadá que ofrece o Parlamento de Galicia.
Para Santalices Vieira, esta iniciativa reafirma, ademais, “a nosa aposta pola educación pública e de calidade, clave para o desenvolvemento da Galicia actual e do futuro”.
Saúdos, Gabinete de comunicación.