saltar ao contido

O Parlamento de Galicia acolle un pleno infantil no marco da Campaña Mundial pola Educación

04/06/2024

  • Santalices reivindica a educación como “panca eficaz para o desenvolvemento e a mellora do benestar dos pobos"

Santiago, 4 de xuño de 2014.- O Parlamento de Galicia acolleu este martes un pleno infantil  de apoio á Campaña Mundial pola Educación, unha coalición internacional integrada por ONG, sindicatos, centros escolares e diferentes movementos sociais para reivindicar os compromisos internacionais asinados polos estados para garantir o acceso a unha educación pública e de calidade para todas as persoas do mundo.

 

O titular do Lexislativo galego, Miguel Ángel Santalices Vieira, felicitou aos integrantes da Campaña Mundial pola Educación por comprometerse na defensa dun “obxectivo loable que, lamentablemente, dista moito de ser  realidade".

 

Educación para un mundo máis xusto

 

Recordou que malia que no primeiro mundo, as necesidades educativas están razoablemente cubertas, non sucede o mesmo nos países menos desenvolvidos, onde “en moitas ocasións, ir a escola é un luxo ao alcance de tan só uns poucos". Fixo votos, neste sentido, porque actos como o celebrado hoxe no Parlamento de Galicia, sirvan de aliciente para “impulsar unha educación pública universal e de calidade e, de paso, construír un mundo máis xusto e con oportunidades para todas as persoas".

 

En opinión de Santalices, “a educación é a principal -e probablemente a única- panca eficaz para o desenvolvemento económico e social, e para a mellora do benestar de calquera pobo. Temos exemplos a moreas, comezando por nós mesmos".

 

Apuntou que a Galicia actual pouco ou nada se parece á de hai cen anos. Este avance é consecuencia  dun proceso de desenvolvemento, especialmente acelerado nas últimas décadas que, a xuízo de Santalices, se sustenta sobre dúas realidades. Aludiu, por unha parte, á “consolidación da democracia e o desenvolvemento do modelo de autogoberno que a nosa comunidade exerce con especial sentidiño". Subliñou, ademais, a “decidida aposta pola educación pública, universal e gratuíta, que mudou radicalmente, e sempre para mellor, a faciana desta vella Gallaecia".

 

Como exemplos deste cambio, Santalices recordou  que ata ben entrado o século pasado, en Galicia funcionaron as denominadas escolas do ferrado; ou que a mediados do século XIX, a Universidade de Santiago contaba con arredor de 400 alumnos.

 

“Queda acreditado -dixo Santalices- que o avance económico, social e sanitario, e a mellora da calidade de vida do pobo galego son sempre consecuencia e discorren en paralelo aos avances rexistrados no seu sistema educativo".

 

Participantes

 

O Pleno de apoio á Campaña Mundial polo Educación arrancou coa intervención da representantes da Campaña, Mónica Viqueira Martínez; e do director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Tamén participou alumnado dos CEIP Plurilingüe Vendas da Barreira (Riós); Víctor Sáenz (Mazaricos); Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero), Plurilingüe a Inmaculada (Maristas, Lugo); representantes de Estudantes pola Inclusión, alumnado do grao de Pedagoxía da USC e cadanseu deputado dos grupos parlamentarios da Cámara. Tamén asistiu o director xeral de Acción Exterior e Relacións coa Unión Europa da Xunta, Jesús Gamallo.

 

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.​​


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina