saltar ao contido

Santalices propón dedicar unha sala do Parlamento galego ao escritor e xornalista Curros Enríquez

02/09/2024

 

  • O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, clausurou este mediodía o acto de entrega do XL Premio Celanova, Casa dos Poetas, entregado nesta edición a Bieito Ledo

 

  • Santalices recoñeceu á Fundación Curros Enríquez na súa labor de protección aos protagonistas culturais da Galicia contemporánea e ao premiado Beito Ledo como “galeguista convencido"

 

 

Santiago, 1 de setembro de 2024.-  O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou hoxe na XL edición do Premio Celanova, Casa dos Poetas, convocado pola Fundación Curros Enríquez e que nesta ocasión premiou ao escritor, editor e promotor cultural galeguista Bieito Ledo.

 

Santalices amosou a súa satisfacción pola labor da Fundación Curros Enríquez e os membros do seu padroado na protección da cultura galega contemporánea e agradeceu de novo a distinción que en 2018 concederon á Cámara autonómica. Comprometeuse a seguir facendo todo o posible para seguir traballando coa vocación de continuar abrindo máis a institución á sociedade.

 

Durante o acto de clausura, o xefe do Lexislativo galego anunciou que proximamente proporá á Mesa e á Xunta de Portavoces do Parlamento de Galicia dedicar unha das salas de reunións do Pazo do Hórreo ao escritor e xornalista ourensán Manuel Curros Enríquez, que se sumaría así as que nomean destacadas personalidades con Otero Pedrayo, Castelao, Pardo Bazán ou Concepción Arenal, entre outras.

 

 

 

O presidente do Parlamento de Galicia lembrou o prestixio e relevancia do galardón e mostrou a súa ledicia porque nesta edición o premiado fose Bieito Ledo, “galeguista convencido" cunha longa traxectoria da que destacou a súa permanente “inquietude cultural" que se plasmou ao longo de todos os seus proxectos.

 

Santalices lembrou o compromiso galeguista de Bieito Ledo, que se expresou a través de numerosas iniciativas culturais como o impulso da editorial Ir Indo, o Centro ourensán de Vigo ou a recopilación dos artigos do doutor Manuel Sánchez Salorio publicados co pseudónimo de Procopio.

 

Neste sentido, referíuse tamén o xefe do Lexislativo autonómico ao tándem que o premiado nesta edición da Casa dos Poetas conformou co pintor Antón Pulido como dinamizadores da cultura en Vigo e en toda Galicia.

​ 


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina