Santalices: “A racionalización ben entendida levou a Galicia a potenciar órganos como o Consello de Contas ou o Valedor”

 
• O Parlamento de Galicia acolleu o acto organizado polo Consello de Contas para conmemorar o máis de cuarto de de século de existencia deste órgano

Santiago, 21 de abril de 2017.- O presidente do Parlamento subliñou hoxe que “a racionalización ben entendida levou a Galicia a potenciar órganos como o Consello de Contas ou o Valedor do Pobo, dado que supoñen  unha garantía adicional para o cidadán, contribúen a un mellor funcionamento da Administración e sustentan e perfeccionan o sistema democrático sobre o que se articula a nosa convivencia”.
 
O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá un acto institucional, clausurado polo presidente da Xunta e organizado polo Consello de Contas, para conmemorar o cuarto de século de vida do órgano de control e fiscalización e que coincide con diferentes actividades programadas pola Cámara galega no marco do 35 aniversario desta institución.
Novas demandas sociais
 
O titular do Parlamento de Galicia foi o encargado de abrir o acto cunha intervención na que puxo en valor as reformas lexislativas introducidas en datas recentes  para “responder con inmediatez e eficiencia ás novas demandas sociais en materia de transparencia, honestidade e eficacia”.
 
Para Miguel Ángel Santalices Vieira, “por fortuna para os cidadáns e para as institucións, Galicia foi quen de atopar a fórmula necesaria para facer compatible a racionalidade económica, evitando incrementar o gasto público nun momento de estreiteces, coa blindaxe do papel do Consello de Contas, reforzado na súa autonomía, dotado de novas competencias como as referidas á prevención da corrupción ou á fiscalización das formacións políticas que reciben fondos da Comunidade Autónoma, e con maiores capacidades derivadas de outorgar a condición de axente da autoridade ás persoas auditoras”.
 
A maiores, Santalices subliñou o avance que supón o novo estatus dos conselleiros do Consello de Contas, “blindados respecto ao poder político e elixidos logo dunha comparecencia previa no Parlamento de Galicia, con luz e taquígrafos”.
 
Institución insubstituible na estrutura institucional da
Comunidade
 
O titular da Cámara lexislativa gabou o “rigor e o traballo constante” desenvovido polo Consello de Contas desde a súa posta en marcha, o que o consolidou como unha “institución  insubstituible na estructura institucional da Comunidade Autónoma”.
 
Santalices quixo, ademais, render homenaxe a “todos cantos desde o primeiro día teñen contribuido co seu traballo a facer o que hoxe é o Consello de Contas, porque tamén desde o Consello de Contas é posible facer país cada día, como teñen demostrado e demostran decote”.
 
O acto foi clausurado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. A súa intervención foi precedida pola do  presidente da Sección de Axuizamento do Tribunal de Cuentas, Felipe García Ortiz, e polo conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, José Antonio Redondo López.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 

Imaxes Relacionadas

Outras novas


Emisións en directo

Erro ó carga-la páxina. Error en el servidor remoto: (503) Servidor no disponible.

© Parlamento de Galicia, 2011 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408