Santalices anima a intensificar a relación con Portugal e reivindica o potencial da lusofonía

• O presidente do Parlamento de Galicia participa en Plasencia (Cáceres) nunha reunión da  Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas (RIET) que convidou aos parlamentos autonómicos a constituír un foro a través do que canalizar propostas para a axenda do Cumio Ibérico
 
• O titular do Lexislativo autonómico recorda que Galicia é pioneira  en materia de cooperación transfronteiriza con Portugal

Santiago, 13 de xullo de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participa esta mañá en Plasencia (Cáceres) nunha reunión da Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas (RIET) e dos titulares das Cámaras Lexislativas das catro comunidades limítrofes con Portugal, na que se propuxo a creación dun foro que canalice e traslade propostas dos parlamentos susceptibles de ser incorporadas á axenda do Cumio Ibérico.

A proposta xurdiu da Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas para enriquecer as relacións bilateriais entre os dous países.

Elementos comúns con Portugal

Ao inicio da reunión, e en declaracións aos xornalistas, o presidente do Parlamento de Galicia valorou a convocatoria desta reunión que, para os galegos, “resulta especialmente gratificante na medida en que compartimos con Portugal infinidade de elementos comúns: xeográficos, históricos, culturais e lingüísticos”.”Veño encantado”, dixo, porque “Galicia comparte todo con Portugal; nós, practicamente, non temos fronteira con Portugal”.

Vínculos coa lusofonía

Nesta liña Santalices Vieira recordou os vínculos de Galicia coa lusofonía. Fixo referencia, neste sentido, á Lei, de iniciativa popular, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, “que nos anima e obriga a intensificar estas relacións”. De feito, o Parlamento de Galicia está a impulsar diferentes proxectos de intercambio e promoción cultural coa Asemblea dos Azores, iniciativas que mesmo teñen recibido un recoñecemento europeo polo enfoque novidoso das mesmas.

Ao tempo, Santalices Vieira  subliñou que Galicia é pioneira e lidera a posta en marcha de diferentes iniciativas de cooperación transfronteiriza co Norte de Portugal, como as impulsadas en materia de sanidade ou de comunicacións terrestres, entre outras. Tamén avogou pola mellora da conexión ferroviaria entre Galicia e Portugal.

Propostas construtivas 

O presidente do Parlamento de Galicia avanzou a súa intención de convidar ao resto dos participantes a elaborar un plan de traballo realista e axustado ao ordenamento xurídico para efectuar propostas construtivas que resulten útiles para o Cumio Hispano Luso e para as sociedades española e portuguesa.

O feito de que esta primeira reunión se celebre en Plasencia obedece a que o alcalde desa localidade exerce a vicepresidencia da Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas. Participaron na xuntanza de hoxe os presidentes dos parlamentos de Galicia, de Extremadura, de Andalucía e de Castela e León, así como integrantes da Rede Ibérica de Entidades Transfronteirzas, entre eles o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vazquez Mao, e presidente da Confederacion de Empresarios de Pontevedra e de CECOTRAN (Centro de Desenvolvemento, Cooperación e Servizos Empresariais Transfronterizos, Jorge Cebreiros, que actuou como presidente accidental da RIET en ausencia do titular.

Ao inicio da reunión, os participantes na mesma gardaron un minuto de silencio en memoria de Miguel Ángel Blanco e de todas as vítimas do terrorismo.

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

 


Imaxes Relacionadas

Outras novas


Emisións en directo

Non temos emisións en directo neste momento.

Axenda

Na axenda atopará as ordes do día e a documentación das sesións desta Cámara, tamén poderá consultar o arquivo multimedia das sesións xa celebradas.

Calendario

SÁBADO 16
decembro de 2017
lunsmarmérxovvensábdom
123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
<< novembro| xaneiro >>

Información das Sesións

Lista de sesións do día 16/12/2017


© Parlamento de Galicia, 2011 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408