Santalices sinala a Olimpia Valencia como un exemplo para a xuventude

 
 
• O presidente do Parlamento de Galicia participou en Baltar nunha homenaxe á primeira muller galega licenciada en medicina
 
Santiago, 29 de xullo de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta tarde no Concello de Baltar (Ourense) nunha homenaxe á Dra. Olimpia Valencia, a primeira muller galega licenciada en medicina e tamén a primeira xinecóloga de Galicia.
 
“Nun tempo como o actual, no que de seguida se fabrican ídolos artificiais, case sempre baleiros de contido, fariamos ben en divulgar entre a nosa xuventude traxectorias como a de Olimpia Valencia e as de tantos outros homes e mulleres que, desde o esforzo persoal anónimo, abriron camiños pioneiros sen máis meta que o ben común e o engrandecemento de Galicia”, afirmou o presidente do Parlamento.
 
Nada en Baltar en 1898, Olimpia Valencia licenciouse en medicina na Universidade de Santiago en 1925. Posteriormente, especializouse en xinecoloxía, ampliando estudos en Alemaña e Suiza, para exercer en en Vigo ata a súa xubilación.
 
Muller comprometida e adiantada ao seu tempo
 
Con todo, como sinalou Santalices, “Olimpia Valencia foi unha muller comprometida e adiantada ao seu tempo”, como o acredita o seu apoio aos candidatos galeguistas en 1931 ou o respaldo público ao plebiscito do Estatuto do 36, feitos que chegarían a provocar a súa detención en 1937, despois do levantamento militar.
 
A Dra. Olimpia Valencia foi, en opinión do titular do Lexislativo autonómico,  “unha patriota galega , merecedora da nosa gratitude e do recoñecemento unánime da nosa sociedade”.
 
Santalices Vieira felicitou ao alcalde de Baltar por ter organizado esta homenaxe á Dra. Olimpia Valencia na súa localidade natal e contribuir, deste xeito, a divulgar a traxectoria dunha figura senlleira.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia

Imaxes Relacionadas

Outras novas


Emisións en directo

Erro ó carga-la páxina. Error en el servidor remoto: (503) Servidor no disponible.

© Parlamento de Galicia, 2011 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408