Unha delegación da Asemblea dos Azores visita Galicia para reforzar lazos no ámbito da lusofonía

 
• Participará en diferentes actos relacionados coa lusofonía, será recibida polo presidente da Xunta e coñecerá diferentes realidades da economía galega 
 
• O Parlamento de Galicia aprobou, por unanimidade, en 2014, a lei de iniciativa popular para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos coa lusofonía
 
Santiago, 9 de setembro de 2017.- Unha delegación da Asemblea dos Azores, encabezada pola presidenta da Cámara, Ana  Luísa Pereira Luís, visitará Galicia os vindeiros días 14 e 15 de setembro, datas durante as que participará en diferentes actos organizados pola Cámara galega e encamiñados a reforzar os vínculos coa lusofonía.
 
Durante a primeira xornada da visita, o 14 de setembro, presentarase no Parlamento de Galicia unha edición bilingüe de Viaxe á Illa do Corvo, publicado por vez primeira en Portugal en 1926 dentro da obra As Ilhas Desconhecidas. Notas e Paisagens, logo da viaxe efectuada polo seu autor, Raul Brandão, ao arquipélago dos Azores en 1924. A traducción ao galego é obra do escritor Xesús Rábade Paredes. O volume inclúe tamén un estudo introdutorio elaborado polo profesor Alonso Montero no que repasa  os vínculos entre Raul Brandão e algúns escritores galegos do seu tempo. A presentación contará coa participación, entre outras personalidades, do presidente da Real Academia Galega.
 
Na Cámara galega inaugurarase tamén a exposición fotográfica Açores, silêncio e ser, que poderá ser visitada no Pazo do Hórreo durante as próximas semanas.
Ese mesmo día, pola tarde, a presidenta da Asemblea Lexislativa dos Azores, acompañada polo seu homólogo galego, Miguel Ángel Santalices Vieira, visitará o porto deportivo de Sanxenxo, a sede viguesa do Instituto Español de Oceanografía (IEOP) e terá ocasión de coñecer o porto de Vigo e a actividade dos seus estaleiros.
 
Xa o día seguinte, o venres 15 de setembro, en Santiago, a delegación de Azores será recibida polo presidente da Xunta de Galicia e polo alcalde de Santiago, e visitará a sede do Consello da Cultura. Ese mesmo día coñecerá a oferta termal de Ourense e desprazaranse a Celanova, onde lles será ofrecida unha recepción na Casa do Concello.
 
Posteriormente, na sede da Fundación Curros Enríquez celebrarase un acto cultural para evocar os vínculos deste autor galego co escritor portugués Antero de Quental, nado nas Azores.
 
Vínculos coa lusofonía
 
O Parlamento de Galicia aprobou, por unanimidade, en 2014, a lei, de iniciativa popular, para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos coa lusofonía, que obriga aos poderes públicos a promover o coñecemento da lingua portuguesa e das culturas lusófonas, e a promover as relacións a todos os niveis dos países de lingua oficial portuguesa.
 
O presidente do Parlamento de Galicia, acompañado polos presidentes do Consello da Cultura Galega e da Real Academia Galega, e mailo secretario xeral de Política Lingüística da Xunta visitaron a Azores en xullo de 2016 respondendo a unha invitación da Asemblea Lexislativa de aquela rexión autónoma. Daquela, o Parlamento de Galicia trasladou á sede do Lexislativo das Azores a exposición divulgativa sobre os autores galegos homenaxeados nas diferentes celebracións do Día das Letras Galegas e presentou dous libros: Zara. Ediçao Polyglotta, unha edición facsimilar do exemplar que se conserva na bioblioteca da Fundación Curros Enríquez; e Antero de Quental e Teófilo Braga e a súa relación coas letras galegas, obra do profesor e entón presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e da filóloga e escritora Beatriz García Turnes.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 

Imaxes Relacionadas

Outras novas


Emisións en directo

Non temos emisións en directo neste momento.

Axenda

Na axenda atopará as ordes do día e a documentación das sesións desta Cámara, tamén poderá consultar o arquivo multimedia das sesións xa celebradas.

Calendario

VENRES 24
novembro de 2017
lunsmarmérxovvensábdom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
27282930
<< outubro| decembro >>

Información das Sesións

Lista de sesións do día 24/11/2017


© Parlamento de Galicia, 2011 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408