• Inaugurou, na sede do Comité das Rexións, a exposición itinerante “51 páxinas das nosas letras” organizada polo Parlamento de Galicia, coa colaboración da Real Academia e a Xunta, coincidindo coa Presidencia galega da CALRE
• “Galicia, cunha historia, unha cultura e unha lingua propias é, pese á súa condición periférica, un dos territorios máis concienciados coa idea de Europa”, subliña a titular do lexislativo galego
Bruxelas, 18 de setembro de 2014.- A sede do Comité das Rexións, en Bruxelas, acolle desde hoxe a mostra itinerante “51 páxinas das nosas letras”, organizada polo Parlamento de Galicia, coa colaboración da Real Academia e a Xunta para divulgar os autores homenaxeados durante os primeiros 50 anos de celebración do Día das letras galegas.
A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, foi a encargada de inaugurar a mostra, xunto ao presidente do Comité das Rexións, Michel Lebrun, nun acto no que a titular do lexislativo galego reafirmou a vocación europea da cultura galega.
Citando a autores como Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, Castelao ou Cunqueiro, a presidenta do Parlamento de Galicia sinalou que estes e outros escritores “foron capaces de percibir con claridade que as diferentes dimensións dunha cultura poliédrica como a galega son perfectamente compatibles entre si, dado que non pode nin debe permanecer pechada en si mesma”.
Conciencia europea
Recordou Rojo Noguera que Galicia, “cunha historia, unha cultura e unha lingua propias, é, pese á súa condición periférica, un dos territorios máis concienciados coa idea de Europa”.
Apuntou nesta liña, que “a nosa condición de meta do Camiño de Santiago permitiunos cultivar unha relación fluída e permanente cos pobos e culturas de Europa” e que pola Ruta Xacobea, desde os tempos de Carlomagno, canda millóns de peregrinos tamén circulan as ideas, a arte ou a literatura.
“A dimensión atlántica de Galicia non logrou neutralizar o interese dos nosos intelectuais pola cultura europea. Un interese acentuado a finais do século XIX e que se manifesta abertamente a principios do século XX a través da Xeración Nós, o espírito europeísta e europeizante dos cales quedou patente nalgunha das páxinas que deixaron escritas”, agregou a titular do lexislativo autonómico.
Colaboración do CdR e a Fundación Galicia-Europa
Pilar Rojo agradeceu a colaboración prestada polo Comité das Rexións e pola Fundación Galicia-Europa para amosar esta exposición na cidade que acolle as sedes das institucións comunitarias, coincidindo co ano no que o Parlamento de Galicia exerce a Presidencia da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais de Europa (CALRE). O acto inaugural contou coa asistencia da vicepresidenta segunda do Parlamento de Galicia, Maria Soledad Soneira.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.