Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 11 de novembro de 2011
PNL 52334 (6.2)
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Ministerio de Fomento para:
1) Priorizar a construción da autovía A-57.
2) Aprobar a alternativa n.º 11 da A-59 (Pazos de Borbén-Os Valos-Peinador).
3) Reformular o proxecto de ampliación de Rande para mellorar a súa funcionalidade e minorar as afeccións.”
Transacción PNL 52378 (6.3)
O Parlamento galego insta o Goberno galego para que, no camiño dunha solución de futuro da empresa Factorías Vulcano:
1) Inicie xestións co Ministerio de Industria, Turismo e Comercio co obxecto de chegar a unha posición común reforzada que permita a continuidade da empresa Factorías Vulcano.
2) Utilice as competencias e capacidades que ten o Goberno galego para lograr un acordo e que Pymar avale os créditos para a construción dos buques actualmente en carteira, dando o primeiro paso na instrumentación dos avais necesarios coa achega de 16.7 millóns de euros pola Xunta de Galicia para garantir o funcionamento da construción do buque 533, que ascende á cantidade de 21 millóns de euros.
3) Naquilo no que non chegue Pymar, que o Goberno galego utilice os instrumentos dos que dispón para completar as necesidades financeiras de Factorías Vulcano, cara á busca dunha solución de futuro.
4) Á súa vez, e dentro dos programas de internacionalización das empresas galegas, o Goberno galego críe unha nova liña de axuda que permita reforzar a busca de novos mercados para a industria naval galega.
Transacción coa PNL 52974 (6.5)
O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a:
1. Impulsar na rede pública sanitaria galega a prescrición por principio activo:
a) No ámbito da rede pública do Sergas promoverase a prescrición de medicamentos identificados polo seu principio activo ou substancia que compón o medicamento, para o que se utilizará a Denominación Oficial Española–DOE co respecto, en todo caso, á liberdade de prescrición.
b) O órgano competente na xestión das prestacións farmacéuticas adoptará as medidas necesarias para garantir a eficiencia na dispensación de medicamentos prescritos por principio activo.
c) O médico e o farmacéutico, no ámbito das súas competencias, velarán polo cumprimento das pautas establecidas na prescrición, informando debidamente ao doente.
d) A administración sanitaria galega fixará anualmente os obxectivos de cobertura e implementación na prescrición por principio activo.
e) A administración sanitaria aprobará protocolos terapéuticos para tratar as patoloxías de alto impacto sanitario e/ou económico, por proposta das comisións clínicas que se determinen en cada caso.
2. O Goberno galego poñerá en marcha un sistema de información en relación coa prestación farmacéutica para abordar tres obxectivos:
a) A información da prescrición mensual, individual e agregada por servizos.
b) A garantía de información científica periódica e rigorosa aos profesionais sobre as novidades no ámbito dos medicamentos e produtos sanitarios.
c) A información á poboación sobre o uso racional dos medicamentos.
3. O Goberno galego tomará as medidas precisas para o desenvolvemento eficaz dos obxectivos anteriores.
4. Considerar nas políticas de recorte do gasto farmacéutico e de racionalización da prescrición as seguintes prioridades:
a) Os medicamentos financiados incluirán todos os principios activos, sen excepción, que figuren no Nomenclátor farmacéutico aprobado polo Ministerio de Sanidade español, e garantirán que estean comercializados e que estea asegurado o abastecemento e distribución en todo o territorio galego.
b) A Comisión Autonómica Central de Farmacia e Terapéutica dará cobertura científica ás decisións de financiamento de medicamentos e de excepcións por motivos terapéuticos, para o que incorporará representantes de sociedades científicas.
c) A Consellería de Sanidade elaborará un plan de uso racional do medicamento baseado no fomento da cultura de prescrición eficiente e efectiva, coa elaboración de guías de práctica clínica de apoio e regulación da visita médica.
d) O aforro de gasto farmacéutico producido por estas medidas de racionalización será reinvestido en sanidade, fundamentalmente na mellora da capacidade resolutiva de atención primaria, e daráselle información ao Parlamento da efectividade das medidas de aforro e mellora da prescrición periodicamente.
PNL 53065 (6.6)
Votación da emenda do G.P. do Bloque Nacionalista Galego (doc. núm. 54111):
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galiza a dirixirse ao Goberno central coa finalidade de substituír o canon dixital por outro sistema que evite a discriminación de usuarios ou usuarias que non realizan copia de obras suxeitas á propiedade intelectual.”
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2010