• Asistiu nas dúas cámaras á inauguración da mostra El Poder del arte. Obras de la colección del Museo Reina Sofía, organizada no marco da conmemoración do 40 aniversario da Constitución
Santiago, 30 de novembro de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, asistiu este mediodía, primeiro no Congreso dos Deputados, e logo no Senado, á inauguración da exposición El Poder del arte. Obras de la colección del Museo Reina Sofía. A mostra está organizada no marco da conmemoración do 40 aniversario da Constitución española e divídese en dous espazos diferentes: o Congreso e o Senado.
Coa súa asistencia ao acto inaugural, ademais de sumarse ás actividades conmemorativas do 40 aniversario da Constitución, Santalices Vieira quere respaldar expresamente á arte galega contemporánea, representada nesta exposición con obras de Maria Ruido, Francisco Leiro, Menchu Lamas e Antón Lamazares.