saltar ao contido

O Parlamento de Galicia amosa en Ferrol unha mostra bibliográfica sobre Carballo Calero

 
• Será inaugurada o vindeiro luns na sala de exposicións de Abanca, onde poderá visitarse ata o 24 de xullo

Santiago, 1 de xullo de 2021.-  O Parlamento de Galicia amosará en Ferrol a “Mostra Bibliográfica de Ricardo Carvalho Calero”, logo de permanecer aberta ao público na sede da Cámara galega durante os últimos meses.
 
Este proxecto cultural foi impulsado polo Lexislativo galego no ano 2020, co gallo do Día das Letras Galegas dedicado a Carballo Calero.
 
A mostra foi inaugurada en Santiago en outubro de 2020 coincidindo coa presentación do libro Ricardo Carvalho Calero, orador. Discursos e leccións, obra de Pilar García Negro, experta na figura do homenaxeado, e tamén comisaria do proxecto expositivo.
 
A exposición está integrada por medio cento de libros e máis dunha vintena de documentos entre os que se inclúen o carné de socio do Seminario de Estudos Galegos e dúas cartas de Otero Pedrayo, entre outro material pertencente ao arquivo de Carballo Calero, depositado no Parlamento de Galicia, desde 1997, xunto coa súa biblioteca.
 
En Ferrol, a mostra poderá visitarse na sala de exposicións de Abanca, onde estará aberta ao público ata o 24 de xullo. A inauguración está prevista para o vindeiro luns, 5 de xullo, ás 19,00 h.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina