saltar ao contido

Acordos da Comisión 6ª, Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, celebrada o 4 de maio de 2022

A Comisión 6ª, Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, na súa sesión do 4 de maio de 2022, adoptou os seguintes acordos:
 
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
 
Aprobación sen modificacións
 
- 33038 (11/PNC-002987)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Nóvoa Iglesias, Marta e 14 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia en favor dun desenvolvemento eólico ordenado, compatible coa protección do medio ambiente e impulsor de riqueza e emprego
BOPG n.º 300, do 30.03.2022
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 7 votos a favor, 5 votos en contra e 0 abstencións.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a avanzar na política enerxética impulsada nos últimos anos, consolidando e reforzando as medidas adoptadas en favor dun desenvolvemento eólico ordenado, compatible coa protección do medio ambiente e impulsor de riqueza e emprego, nomeadamente as seguintes:
 
1.- Asegurar a vixencia do Plan Eólico de Galicia como un instrumento específico de ordenación territorial que está a permitir racionalizar o aproveitamento desta enerxía renovable e maximizar o valor engadido deste investimento sobre o tecido industrial e social da Comunidade Autónoma. Un plan que define unha Áreas de Desenvolvemento Concreta e que, xunto á prohibición de implantar parques eólicos en espazos da Rede Natura, garanten que o 77,5% do territorio galego estea exento de eólicos.
 
2.- Reiterar a distancia dos aeroxeradores con respecto aos núcleos rurais, urbanos ou urbanizables, pasando dos 500 metros actuais a 5 veces a altura do aeroxerador, para os novos proxectos.
 
3.- Manter ata o 30 de xuño de 2023 a moratoria para novos proxectos co obxecto de xestionar coas máximas garantías os 275 expedientes de tramitación autonómica existentes, a excepción daqueles que posúan unha función vertebradora e estruturante no territorio.
 
4.- Reforzar a transparencia, achegando información aos concellos, á cidadanía e ao resto de entidades interesadas, a través da guía divulgativa sobre a tramitación dun proxecto eólico, a rede de información provincial e a oficina para os propietarios dos terreos sobre a normativa aplicable para a clasificación e cualificación do solo, así como os métodos e os criterios de valoración.
 
5.- Impulsar unha modificación lexislativa aos efectos de dar prioridade na tramitación aos proxectos eólicos en Galicia que destinen o 50% da enerxía que produzan á industria asentada en Galicia a través de contratos a largo prazo do prezo da enerxía.
 
6.- Solicitar ao Goberno do Estado:
 
a)  O cumprimento do marco legal que se ten establecido en Galicia no exercicio das competencias autonómicas, con motivo da tramitación dos proxectos eólicos de máis de 50MW de potencia, facendo decaer aqueles expedientes que non cumpran coa normativa galega e teñan sido informados negativamente pola Xunta de Galicia.
 
b) A sinatura dun convenio de colaboración entre o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e a Xunta de Galicia para coordinar o desenvolvemento eólico na territorio galego, especialmente a efectos de analizar antes da información pública o cumprimento da normativa da Comunidade Autónoma.
 
c)  Establecemento de figuras de priorización na tramitación dos proxectos que sexan da súa competencia en favor daqueles que estean vencellados á consolidación da industria e emprego no territorio, do mesmo xeito que se ten feito na Lei 9/2021, de 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
 
d) Evitar volver a considerar o canon eólico como un suplemento territorial, na medida que se trata dun tributo medioambiental dirixido a compensar o impacto no territorio.”
 
Aprobación por unanimidade sen modificacións
 
- 32243 (11/PNC-002888)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Fernández Alfonzo, Ramón e 2 máis
Sobre a postura do Parlamento de Galicia respecto do espírito inspirador da Proposición de lei de creación dun fondo de compensación para as vítimas do amianto, que se tramita no Congreso dos Deputados
BOPG n.º 296, do 23.03.2022
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia acorda como resolución instar ao Congreso dos deputados e deputadas a que respecte o espírito da proposta remitida polo Parlamento vasco e que a norma que finalmente resulte aprobada non desvirtúe o texto inicial, procurando o máximo consenso posíbel co fin de lograr a pronta reparación das vítimas e das súas familias.”
 
- 33887 (11/PNC-003080)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Pérez López, Noelia e 14 máis
Sobre as actuacións que debe leva a cabo a Xunta de Galicia para promover unha candidatura para albergar a futura sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial
BOPG n.º 312, do 27.04.2022
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento de Galicia inste a Xunta de Galicia a:
 
1º.- Impulsar as actuacións necesarias para promover que a Comunidade Autónoma de Galicia presente unha candidatura para albergar a futura sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial.
 
2º.- Establecer os mecanismos que faciliten o apoio de todo o ecosistema de ciencia e tecnoloxía co obxectivo de favorecer a candidatura de Galicia.
 
3º.- A dirixirse ao Goberno de España para que comunique canto antes á Xunta de Galicia os requisitos de competencia, primando a transparencia e a equidade.”

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina