4.1 28900 (11/PNP-002515)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Balseiro Orol, José Manuel e 7 máis
Sobre a demanda da Xunta de Galicia ao Goberno de España para que restableza o réxime de excepcións vixente desde o ano 2015, que excluía da obriga de cotizar como autónomo aquelas persoas que teñan ingresos como titulares de explotacións agrarias cando non superen determinados limiares de renda e rendemento económico
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 270, do 03.02.2022
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que restableza o réxime de excepcións vixente desde o ano 2015, que excluía da obriga de cotizar como autónomo a aquelas persoas que teñan ingresos como titulares de explotacións agrarias cando non superen determinados limiares de renda e rendemento económico”.
4.3 32218 (11/PNP-002780)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Pérez Fernández, Rosana e 2 máis
Sobre as demandas que debe formular a Xunta de Galicia ao Goberno do Estado en relación cos prexuízos que suporía para o sector pesqueiro a implantación de instalacións eólicas mariñas
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 296, do 23.03.2022
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno do Estado:
1.- Atender ao contido do “Manifesto de Burela na defensa do sector pesqueiro do Cantábrico Noroeste” e protexer o sector pesqueiro da ameaza que suporía a localización de instalacións eólicas mariñas en caladoiros e espazos dedicados a actividade pesqueira e, en consecuencia, garantir a súa coexistencia coas actividades pesqueiras, sempre que sexa posible dita coexistencia, sen afectar ao ecosistema mariño e as actividades pesqueiras.
2.- Avaliar a través do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e do Instituto Español de Oceanografía (IEO) o impacto da instalación de polígonos de eólicos mariños sobre os recursos pesqueiros e as zonas de traballo das diferentes artes e segmentos da frota que operan no caladoiro do Cantábrico Noroeste e os seus efectos sobre a economía das comunidades pesqueiras do Cantábrico.
3.- De constatarse posibles danos, evitar o severo prexuízo ao sector pesqueiro e os danos nos ecosistemas mariños que suporía a implantación deste tipo de instalacións eólicas”.
4.4 33466 (11/PNP-002930)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Álvarez Martínez, Luis Manuel e 3 máis
Sobre o apoio ás medidas do Goberno de España respecto do endurecemento das sancións contra o réxime de Putin e a realización dun chamamento ao presidente ruso para que poña fin á guerra
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 306, do 12.04.2022
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia acorda:
1º- Condenar enerxicamente a agresión de Rusia a Ucraína, rexeitando totalmente a invasión das forzas militares rusas e esixindo a súa inmediata retirada. Esta agresión supón unha flagrante violación do Dereito Internacional e contra a soberanía e a integridade territorial de terceiros países e expresar a absoluta solidariedade co pobo ucraíno.
2º- Apoiar os esforzos que están a desenvolver o Goberno de España e a Unión Europea, reivindicando a legalidade internacional e o restablecemento inmediato da paz, tendo como guía nesta crise os principios e valores democráticos que compartimos con Europa.
3º- Expresar o máis firme compromiso deste Parlamento coa defensa dos principios da democracia, o estado de dereito e a protección dos dereitos fundamentais contemplados no Preámbulo do Tratado de constitución da Alianza do Atlántico Norte e no da Constitución da Unión Europea. Así mesmo este Parlamento apoia a labor que as Forzas Armadas españolas están a desenvolver para garantir a paz e a integridade territorial nos países europeos.
4º- Amosar o apoio á Unión Europea para que se interpoñan as sancións precisas co fin de que se poña fin ao conflito ante estes feitos tan graves contrarios á paz e as liberdades e dereitos fundamentais dos cidadáns ucraínos.
5º-O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a realizar todos os esforzos necesarios para mobilizar recursos a fin de acoller a refuxiados provenientes do conflito de Ucraína, de formas coordinadas coas administracións estatal, autonómica e local”.
4.6 34085 (11/PNP-002996)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Díaz Mouteira, María Sol e 6 máis
Sobre a asunción polo Parlamento de Galicia do Manifesto pola seguridade xurídica do planeamento territorial e urbanístico asinado por trece gobernos autonómicos no marco do Encontro Xacobeo 21-22 por un urbanismo responsable
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 315, do 04.05.2022
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia acorda, como Resolución, facer seu o “Manifesto pola seguridade xurídica do planeamento territorial e urbanístico” asinado por 14 gobernos autonómicos e polos gobernos das dúas cidades autónomas no marco do Encontro Xacobeo 21-22 por un urbanismo responsable e que, entre outras medidas sinala a necesidade de que o Goberno central impulse as medidas lexislativas necesarias para ofrecer maior seguridade xurídica e, en particular, promover solucións á problemática á que se enfrontan os concellos no momento no que se anulan os seus instrumentos de ordenación.”
Saúdos, Gabinete de Comunicación.