saltar ao contido

Pontevedra acolle desde mañá unha escolma da colección de arte do Parlamento de Galicia

  • ​A mostra, titulada “A Nosa Arte", continúa a súa itinerancia en Pontevedra, onde se inaugura mañá xoves ás 19,00 h no Café Moderno Afundación

 

  • Está organizada coa colaboración da Xunta e Afundación e comisariada por tres académicos da Real Academia Galega de Belas Artes

     

 

Santiago, 28 de febreiro de 2024.- A exposición itinerante integrada por unha escolma das máis de 300 pezas que conforman a colección de arte do Parlamento de Galicia poderá visitarse no café Moderno Afundación de Pontevedra entre o 29 de febreiro e o 25 de maio de 2024.

 

A exposición, titulada “A Nosa Arte", recala en Pontevedra  logo de estar aberta  ao público en Vigo, Ferrol, Ourense  e Lugo nos últimos meses.  

 

O Parlamento de Galicia conta coa colaboración da Xunta de Galicia e de Afundación para executar este proxecto expositivo, no que tamén participa a Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario.

 

A mostra está comisariada por tres académicos da institución: a catedrática emérita de Historia da Arte e arquiveira-bibliotecaria da Academia, María Victoria Carballo-Calero; e os académicos da sección de Arqueoloxía e Museoloxía Felipe-Senén López Gómez e José Carlos Valle Pérez. Os tres foron os encargados de realizar a escolma das obras que se amosarán na exposición; a maior parte delas percorrerán todas as cidades, mentres que arredor dunha cuarta parte irán mudando en función da urbe na que se exhiban.

 

E exposición itinerante “A Nosa Arte" enmárcase na programación cultural do Parlamento de Galicia e xurde cun dobre obxectivo: dar a coñecer a colección de arte da Cámara galega e achegar o poder lexislativo galego á cidadanía.

 

A inauguración da mostra está revista para mañá xoves, 29 de febreiro, ás 19,00 h no café Moderno Afundación, en Pontevedra (Praza de San Xosé, 3).

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina