saltar ao contido

Acordos aprobados na Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo celebrada o 15 de outubro de 2024

Procedementos de control e impulso

Proposicións non de lei en Comisión

 

Aprobación por unanimidade sen modificacións

 

- 10686 (12/PNC-001004)

Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego

Pérez Fernández, Rosana e 4 máis

Sobre as accións que debe desenvolver o Goberno galego co obxectivo de defender a actividade pesqueira da frota do cerco e da de artes menores

BOPG n.º 88f1, do 20.09.2024

 

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos *16 deputados e deputadas presentes.

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“O parlamento galego insta o Goberno galego a:

. Despregar todas as accións precisas diante do Goberno estatal e da UE para evitar o amarre da frota do cerco galego e o impacto negativo na frota de artes menores diante da falta de cota de sardiña.

. Levar a cabo e colaborar coa administración estatal na realización dos estudos que determinen a situación real dos stocks de sardiña, xurelo, xarda e bocarte para un establecemento acorde dos TAC en cada caso e que permitan a planificación do sector e a súa viabilidade a longo prazo.

. Desenvolver de acordo co sector medidas que poñan en valor a calidade dos produtos pesqueiros galegos e permitan manter uns prezos rendíbeis en orixe aos seus produtores.

. Esixir do Goberno do Estado español:

. O pago inmediato aos afectados das axudas do 2023 polo paro biolóxico do xurelo.

. A realización de estudos para determinar a situación real dos stocks de sardiña, xurelo, xarda e bocarte que permitan establecer os TAC que corresponda en cada caso e que permitan a planificación do sector e a súa viabilidade a longo prazo.

. Intensificar as negociacións co Estado portugués co obxectivo de conseguir cota mediante intercambios, tal e como viña ocorrendo ata o de agora.

. A negociación dun reparto equitativo da cota da sardiña entre os estados portugués e español, tendo en conta de cara ao novo acordo bilateral o número de buques e de tripulantes de cada un deles.

. A culminación por parte dos dous estados da revisión da regla de explotación do plan de xestión da sardiña, de xeito que permita aumentar as posibilidades de pesca para 2025.

. Unha nova distribución da cota de sardiña, equilibrada e xusta entre as distintas zonas, tendo en conta o número de barcos e de tripulantes en cada caso e que permita eliminar o perverso sistema de transferencia/venta do ben público que constitúen os recursos pesqueiros entre elas.

. Convocar de inmediato a bolsa común da sardiña, de xeito que se evite a especulación a través da venda de cotas e se facilite a chegada do excedente a todos os buques que a necesiten.

. Demandar da UE, de cara á negociación de cotas para 2025 no vindeiro

mes de decembro, o cumprimento da sentenza do 11 de xaneiro do 2024, do Tribunal de Xustiza da UE, para que se atendan, ademais das medioambientais, as cuestión sociais e económicas á hora da fixación das cotas das distintas especies".

 

- 11831 (12/PNC-001128)

Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia

Abalde Alonso, Julio Ernesto e López Font, Carlos

Sobre a demanda dirixida á Xunta de Galicia para que lidere a coordinación co resto dos axentes do sector marisqueiro co obxectivo de abordar os problemas que atravesa esta actividade

BOPG n.º 95f1, do 02.10.2024

 

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 16 deputados e deputadas presentes.

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a exercer as súas competencias exclusivas na xestión do marisqueo en Galicia abrindo canles efectivos de diálogo entre todos os axentes do sector, dando voz na xestión dos bancos marisqueos aos representantes da actividade extractiva do marisqueo a pé ou en embarcación, como sector afectado pola actividade marisqueira, e lidere a coordinación co resto dos axentes implicados na actividade económica do marisqueo en Galicia".​



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina