saltar ao contido

Declaración institucional en condena do asasinato homófobo de Samuel Luiz

O 4 de xullo de 2021, Samuel Luiz, un mozo de 24 anos, foi asasinado na Coruña tras unha brutal agresión homófoba. Este asasinato, que conmocionou toda a sociedade, puxo de manifesto, máis unha vez, a persistente e violenta LGTBIfobia que continúa presente no noso país.

A resposta social foi inmediata, con manifestacións en toda España pedindo «Xustiza para Samuel» e condenando a violencia homófoba. Estas accións demostraron que a sociedade reclama políticas máis contundentes para protexer os dereitos do colectivo LGTBI e garantir unha convivencia libre de odio e discriminación.

Con todo, este crime non é un feito illado. Os delitos de odio, e en particular os relacionados coa orientación sexual e a identidade de xénero, experimentaron un preocupante aumento nos últimos anos.

 

O xuízo polo asasinato de Samuel Luiz representa un momento clave non só para facer xustiza, senón tamén para reafirmar o compromiso das administracións na loita contra a LGTBIfobia. As políticas públicas deben centrarse en previr estes delitos, protexer as vítimas e fomentar unha cultura de respecto pola diversidade. A violencia e a LGTBIfobia non poden ter cabida nunha sociedade que aspira á igualdade e á convivencia pacífica.

 

O Pleno do Parlamento aproba esta Declaración Institucional e acorda:

 

1.    Condenar a agresión homófoba que causou o asasinato de Samuel Luiz e expresar o rexeitamento máis firme desta cámara ante calquera forma de violencia e odio motivada pola orientación sexual ou a identidade de xénero.

 

2.    Trasladar o apoio e a solidariedade á familia e aos amigos de Samuel Luiz, así como o seu compromiso coa xustiza.

 

3.    Instar as administracións públicas competentes a intensificaren as accións dirixidas a erradicar a LGTBIfobia e calquera forma de discriminación e odio, mediante políticas educativas, campañas de sensibilización e o apoio ás vítimas.

 

4.    Condenar todas as condutas que atenten contra a dignidade e os dereitos do colectivo LGTBI e manifestar o compromiso deste Parlamento coa construción dunha sociedade inclusiva, diversa e libre de odio.​​



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina