Logo do parlamento en forma de abanico Parlamento de Galicia

Funcións do Parlamento de Galicia

1. O Parlamento de Galicia como un dos poderes da Comunidade Autónoma

Galicia, nacionalidade histórica, está constituída en Comunidade Autónoma para acceder ao seu autogoberno de conformidade coa Constitución española de 1978, que recoñece e garante o dereito á autonomía das nacionalidades e das rexións que integran a nación española.

O Estatuto de Galicia é a norma institucional básica da Comunidade galega que define as súas institucións, competencia e administración pública, así como a súa economía e facenda.

Os poderes públicos de Galicia exércense a través do Parlamento, da Xunta e do seu presidente.

Son funcións do Parlamento exercer a potestade lexislativa da Comunidade Autónoma, controlar a acción executiva da Xunta, aprobar os seus orzamentos, designar para cada lexislatura das Cortes Xerais os senadores representantes da Comunidade Autónoma galega, elixir de entre os seus membros o presidente da Xunta de Galicia, exixirlles responsabilidade á Xunta de Galicia e ao seu presidente, solicitar do Goberno do Estado a adopción de proxectos de lei e presentar ante a Mesa do Congreso dos Deputados proposicións de lei, interpoñer recursos de inconstitucionalidade e presentarse perante o Tribunal Constitucional nos supostos e termos previstos nas leis.

O Parlamento representa o pobo de Galicia e constitúe a primeira das institucións da Comunidade Autónoma da que derivan todas as outras, e é inviolable.

 

2. A constitución e a disolución do Parlamento

O Parlamento está constituído por deputados ou deputadas que son elixidos por sufraxio universal, igual, libre, directo e secreto.

Os deputados e as deputadas, unha vez elixidos, representan a todo o pobo galego.

O Parlamento debe renovarse obrigatoriamente cada catro anos por mandato estatutario, pero pódeo facer antes se o presidente da Xunta o disolve.

Na actualidade, o Parlamento de Galicia está integrado por setenta e cinco deputados e deputadas. Estatutariamente o número fixado é entre sesenta e oitenta, non están suxeitos a mandato imperativo e son inviolables polos votos e opinións que emitan no exercicio do seu cargo.

 

3. Os membros do Parlamento

Para garantir o bo cumprimento das súas funcións, os membros do Parlamento gozan de certos dereitos.

Terán o dereito e o deber de asistir con voz e voto ás sesións do Pleno do Parlamento e ás das comisións das que formen parte.

Serán membros, polo menos, dunha Comisión.

Percibirán unha asignación económica que lles permita cumprir de xeito eficaz e digno a súa función, o mesmo que terán dereito ás indemnizacións e axudas de custo por gastos que sexan indispensables para o cumprimento da súa condición de deputados e deputadas.

Poderanlles formular interpelacións e preguntas á Xunta e a cada un dos seus membros, e tamén lles poderán presentar emendas aos proxectos e ás proposicións de lei.

Por outra banda, os deputados e as deputadas están obrigados a axeitar a súa conduta ao Regulamento, non poderán invocar ou facer uso da súa condición para o exercicio de actividades alleas ás de deputado e están obrigados a efectuar declaración notarial dos seus bens patrimoniais e daquelas actividades que lles proporcionen ou poidan proporcionar ingresos económicos, e en todo momento deben observar as normas sobre incompatibilidades establecidas.

Os deputados e as deputadas poderán quedar suspendidos nos seus dereitos e deberes parlamentarios nos casos que, conforme o Regulamento da Cámara, así proceda ou cando unha sentenza firme condenatoria o impoña.

 

4. A sede e o tempo de traballo parlamentario

A sede do Parlamento de Galicia, mediante lei, radica na cidade de Santiago de Compostela.

O salón de sesións é o lugar habitual onde teñen lugar as sesións do Pleno do Parlamento de Galicia, e os deputados ou as deputadas ocupan os asentos dispostos en forma de hemiciclo ante a Mesa presidencial.

O presidente da Xunta de Galicia e o seu Goberno ocupan a primeira fila de escanos e o resto de deputados e deputadas, agrupados en grupos parlamentarios, ocupan os restantes previamente asignados pola Mesa do Parlamento.

No Parlamento de Galicia hai dous períodos de sesións: de setembro a decembro e do 15 de xaneiro ao 15 de xullo. Durante estes períodos, o Parlamento pódese reunir en sesións ordinarias que, habitualmente, teñen lugar de martes a venres de cada semana.

Fóra destes períodos de sesións, pódense realizar sesións extraordinarias de cumpriren determinados requisitos.

O presidente do Parlamento é quen fixa a orde do día dos plenos, de acordo coa Mesa e a Xunta de Portavoces e tendo en conta o calendario de actividades. A orde do día das comisións vén determinada pola respectiva Mesa, consonte o calendario establecido pola Mesa do Parlamento.