saltar ao contido

A sede do Parlamento de Galicia

Video en lingua de signos da sede do Parlamento de Galicia

A disposición actual

O Parlamento de Galicia está radicado no Pazo do Hórreo, en Santiago de Compostela, desde o ano 1989, logo de ocupar previamente dúas sedes provisionais. O edificio fora construído a principios do século XX para albergar unha Escola de Veterinaria.

O Pazo do Hórreo conta con todas as dotacións necesarias para que os deputados e deputadas poidan desenvolver o seu traballo: salón de plenos, salas de comisións, de prensa e outras dependencias de uso polivalente, tanto para as reunións de carácter interno como para a actividade pública e encontros con colectivos. Un completo equipamento tecnolóxico permite ofrecer en directo, a través da web, as sesións do Pleno e das comisións.

O Parlamento alberga tamén unha variada e valiosa colección de arte galega contemporánea, pintura e escultura, fundamentalmente, que por si soa xa merece unha visita á sede da primeira institución de Galicia.

Premendo nas seguintes imaxes podes acceder á visita virtual para realizar un percorrido polo edificio e coñecer a colección de obras de arte do Parlamento de Galicia:

Visita virtual do Parlamento de Galicia
Colección de arte do Parlamento

As primeiras sedes provisionais: Xelmírez e Fonseca

O Parlamento de Galicia, constituído o 19 de decembro de 1981, tivo a súa primeira sede provisional no Pazo de Xelmírez, cedido temporalmente polo Arcebispado de Santiago. Pero a grandiosidade do lugar contrastaba coa ausencia de funcionalidade. Seis meses despois, o Parlamento trasladouse provisionalmente ao Pazo de Fonseca, cedido pola Universidade de Santiago de Compostela. Parte das dependencias administrativas continuaron nos baixos do Pazo de Raxoi, cedidos polo Concello de Santiago de Compostela. En Fonseca, o Lexislativo galego estivo instalado entre xuño de 1982 e febreiro de 1989.

A actual e definitiva sede do Parlamento de Galicia, o Pazo do Hórreo, foi inaugurada como tal o 10 de outubro de 1989, ao remate da segunda lexislatura. No entanto, deputadas, deputados, funcionarias e funcionarios xa traballaban no Pazo do Hórreo desde marzo dese ano, aínda que coas obras de rehabilitación sen rematar. O Pazo do Hórreo estreouse como sede lexislativa para acoller o primeiro debate de política xeral, entre os días 14 e 16 de marzo de 1989. O presidente da Xunta, Fernando González Laxe, estreou a tribuna de oradores do Hemiciclo.

 

Os antecedentes do Pazo do Hórreo

O edificio que alberga o Parlamento de Galicia foi deseñado e construído para albergar unha Escola de Veterinaria, que só funcionou como tal entre 1915 e 1924.

No ano 1925 formalízase definitivamente a cesión de todo o edificio ao Exército, aínda que parte das instalacións xa era compartidas desde 1918, por mor da epidemia de gripe desatada entre a tropa acuartelada na cidade de Santiago de Compostela.

No ano 1986, a Xunta de Galicia mercou o edificio ao Ministerio de Defensa por 550 millóns de pesetas para convertelo en sede oficial do Parlamento de Galicia.

Unha vez adquirido o cuartel ao Ministerio de Defensa, a Mesa do Parlamento de Galicia, presidida por Tomás Pérez Vidal, convocou en 1987 un concurso de ideas para seleccionar o anteproxecto de rehabilitación e adaptación do edificio como sede da Cámara lexislativa galega. Resultou gañador o arquitecto galego Manuel Andrés Reboredo Santos. As obras executáronse axiña e remataron no ano 1989.

De estrutura neoclásica e decoración ecléctica historicista, o edificio tiña e ten unha planta rectangular de 58x108 metros. Como elemento máis salientable tras a reforma á que foi sometido, destaca a construción do Hemiciclo, situado no centro do patio do edificio e sustentado sobre piares metálicos con muros de formigón branco; nel celébranse as sesións do Pleno do Parlamento de Galicia. O edificio organízase arredor do patio interior, dividido polo Hemiciclo en dous espazos simétricos, e consta de planta de soto, planta baixa, entreplanta e piso alto. En datas posteriores á rehabilitación do complexo, foron escavados os dous patios interiores, nos que se habilitou o espazo necesario para acoller os despachos de traballo das deputadas e deputados.

Rodea o recinto unha verxa singular en forma de lanza e de aspecto oxidado (aceiro corten) que lle confire unha imaxe característica. Entre o peche perimetral e o edificio existe un xardín botánico, no que destaca a maxestosidade de diferentes especies arbóreas, algunhas moi antigas, plantadas probablemente cando se construíu o edificio, hai un século. Comparten espazo con esculturas de artistas galegos contemporáneos.

A Biblioteca do Parlamento de Galicia, deseñada por Iago Seara con posterioridade á rehabilitación do edificio, conta con fondos valiosos, que están á disposición dos deputados e deputadas, pero tamén dos investigadores. O catálogo pode consultarse a través da web da institución. Ademais de bibliografía contemporánea multidisciplinar, alberga as bibliotecas e coleccións particulares de personalidades como Ricardo Carballo Calero, os Irmáns Vilar Ponte, Elena Quiroga ou Dalmiro de la Válgoma.

 

30 anos do Pazo do Hórreo como sede do Parlamento de Galicia (1989-2019)

30 anos do Pazo do Hórreo como sede do Parlamento de Galicia

saltar ao pe de páxina