saltar ao contido

Santalices reivindica o compromiso permanente das institucións públicas coa integración da discapacidade

23/10/2024

 

 

 


 

  • Participou na constitución do Foro Galicia de Discapacidade

 

 

Santiago, 23 de outubro de 2024.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, defendeu hoxe, na constitución do Foro Galicia de Discapacidade “o compromiso permanente" das institucións públicas coa discapacidade para facilitar a súa integración na sociedade, sexa no ámbito laboral, no acceso á educación ou na interacción social.

 

Na súa intervención lembrou que as portas da Cámara autonómica están permanentemente abertas para calquera persoa ou colectivo, pero de xeito especial para todos aqueles que requiren dunha atención especial por parte dos poderes públicos, como é o caso das persoas con discapacidade.

 

Neste sentido referiuse á recente inauguración das obras para superar definitivamente as barreiras arquitectónicas que dificultaban o acceso das persoas con discapacidade física á sede do poder Lexislativo galego.

 

O Foro Galicia de Discapacidade é unha iniciativa, posta en marcha xa noutras comunidades como Andalucía, Aragón, Asturias e País Vasco, co obxecto de crear unha plataforma de traballo na que se integran diferentes profesionais e entidades como notariado, xudicatura, fiscalía, avogacía, administracións públicas, universidades e asociacións para estudar e analizar a situación actual da protección dos dereitos das persoas con discapacidade e persoas maiores vulnerables.​


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina