saltar ao contido

Pilar Rojo inaugura a Xornada sobre subsidiariedade, unha materia “chamada a xogar un papel determinante no desenvolvemento da UE a curto e medio prazo”

 A presidenta do Parlamento de Galicia considera esencial “garantir que a toma de decisións se faga o máis cerca posible dos cidadáns”
 
 
• A xefa do lexislativo autonómico enmarca esa Xornada na vocación da Cámara de converterse nun “centro de actividade permanente”

Santiago, 3 de maio de 2010.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, inaugurou esta mañá a Xornada sobre subsidiariedade na Unión Europea, que reúne na Cámara galega a máis de medio cento de participantes procedentes dos ámbitos parlamentario e académico.
 
Na súa intervención, Rojo Noguera amosouse convencida de que o principio de subsidiariedade  está “chamado a xogar un papel determinante no desenvolvemento da Unión Europea a curto e medio prazo”.
 
Ao seu xuízo, a idea esencial do principio de subsidiariedade é amplamente compartida e reside en “garantir que a toma de decisións se faga o máis cerca posible do cidadán, comprobándose constantemente que a acción que debe emprenderse desde a escea comunitaria se xustifica en relación coas posibilidades que ofrece o nivel nacional, rexional ou local”.
 
Procedementos lexislativos novos
 
A presidenta do Parlamento confía na utilidade da Xornada que hoxe se celebra na sede da Cámara galega. “Estou segura –afirmou- de que desde a perspectiva académica, da práctica lexislativa e das formacións políticas poderemos obter conclusións para mellorar uns procedementos novos nos lexislativos autonómicos, pero que están chamados a ter un protagonismo indubidable”.
 
Rojo Noguera aproveitou a súa intervención para reiterar a intención de intensificar o traballo da Cámara galega con convocatorias como a que hoxe se celebra, para converter a institución nun “centro de actividade permanente”, que complemente a actividade parlamentaria propiamente dita.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina