• A presidenta da Cámara quere “abrir portas e ventás e revitalizar a institución parlamentaria”
• Rojo Noguera traslada invitacións da xornada a todos os deputados da Cámara, aos que anima a participar e atender aos visitantes que se acheguen á Cámara
Santiago, 10 de maio de 2010.- O Parlamento de Galicia acollerá o próximo 22 de maio, sábado, unha xornada de portas abertas coa que a presidenta da Cámara, Pilar Rojo, avanza un chanzo máis na súa aposta, anunciada ao inicio da lexislatura, por visualizar o traballo que desenvolve esta institución, superar os tópicos que rodean a política e contribuír a poñer en valor o servizo público.
Rojo Noguera anunciou esta iniciativa, esta mañá, no acceso principal da Cámara galega, coas portas abertas de par en par, simbolizando deste xeito o seu interese por “abrir portas e ventás e revitalizar a institución parlamentaria nun momento no que a política non atravesa un dos seus mellores momentos”.
O Parlamento de Galicia xa comezou a enviar invitacións para a xornada do vindeiro 22 de maio, que contará cun horario de visitas ininterrompido de 10,00 a 18,00 horas. As invitacións están a ser remitidas a diferentes institucións e entidades de Galicia, tanto de carácter público, como concellos ou deputacións, como privadas, entre as que figuran asociacións e organizacións representativas da sociedade civil.
“Toda Galicia” está convidada
Coa intención de que o maior número de persoas teñan coñecemento da celebración desta xornada, o o Parlamento de Galicia tamén publicou a invitación na súa páxina web e desenvolverá unha modesta campaña de comunicación durante os días previos á celebración deste evento, xa que “toda Galicia” está convidada a coñecer a sede lexislativa.
A presidenta do Parlamento tamén trasladou invitacións da xornada a todos os deputados da Cámara, aos que anima a estar presentes e atender aos visitantes que se acheguen á Cámara dentro de dúas semanas.
Ademais, desde hoxe, a sede do Parlamento de Galicia loce, na súa fachada principal, un gran cartel anunciador da xornada, mentres que das farolas do tramo da Rúa do Hórreo situado fronte ao Pazo do Hórreo penduran bandeirolas que convidan a condutores e viandantes a visitar a sede do lexislativo galego o próximo 22 de maio.
Esta xornada de portas abertas –que se celebra logo do primeiro ano de actividade parlamentaria desta VIII Lexislatura e culmina a semana das letras galegas- da continuidade á estratexia impulsada por Pilar Rojo desde a súa chegada á Presidencia do lexislativo galego para incrementar a proxección exterior da institución.
Ese obxectivo explica a campaña desenvolvida nos últimos meses para impulsar o programa de visitas guiadas á institución, a celebración de foros plurais como a xornada de competitividade ou a dedicada a afondar no coñecemento do principio de subsidiariedade na Unión Europea, ou mesmo a edición de material divulgativo, como un cuadríptico e un vídeo trilingüe sobre o Parlamento, así como un directorio de deputados.
Con todo, Pilar Rojo considera que estas actividades deben entenderse como un complemento da función lexislativa e de control e impulso da acción de Goberno, que ten encomendadas o Parlamento.
Saúdos, Gabinete de Comunicación