• Coincidindo co Día Internacional do Refuxiado, a CALRE celebrou un foro sobre inmigración coa participación de expertos internacionais
Bruxelas, 20 de xuño de 2014.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, presidiu hoxe en Bruxelas a reunión do segundo Comité Permanente da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE) na que, entre outros asuntos, presentou un informe sobre as actividades que leva desenvolvido esta organización ao longo do primeiro semestre de 2014.
Pilar Rojo destacou a celebración dunha xornada sobre o futuro das rexións na Unión Europea, que tivo lugar en Santiago de Compostela o pasado 31 de marzo; diferentes actividades relacionadas coa Día de Europa; a participación no grupo de traballo sobre E-democracia; unha intervención telemática na Asemblea xeral da ARE; ou as achegas efectuadas ao ditame sobre as prioridades políticas do Comité das Rexións para o período 2015-2020.
O Comité Permanente da CALRE celebrado hoxe contou coa asistencia de representantes dos parlamentos Flamenco e de Bruxelas-Capital (Bélxica), Babiera e Baden-Wüttenberg (Alemania), Lombardía, Sicilia, Umbría, Veneto, Toscana e Molise (Italia), Azores (Portugal), Gales (Reino Unido), Andalucía e Galicia. A xuntanta tamén contou coa asistencia do secretario xeral da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM), e representantes da rexión de Creta (Grecia), da Asociación de autoridades locais de Lituania e da Rexión autónoma de Friuli Venecia Giulia (Italia).
A Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE), que ese ano preside Pilar Rojo, valorou tamén a posibilidade de participar na creación dun Foro Mundial de Conselleiros (GCF), integrada por cámaras rexionais e entes locais de América, Asia, Europa e Oceanía que tería como obxectivo o fortalecemento da democracia rexional e os valores democráticos.
Pilar Rojo trasladou aos membros do Comité Permanente da CALRE a proposta que lle fixeron os asistentes ao Foro Comunitario de Representantes de Gobernos Locais (TCF) celebrado os pasados 6 e 7 de xuño en Taipei e ao que asistiu como convidada a presidenta da CALRE. Condición imprescindible para formar parte do Foro Mundial de Conselleiros sería que os seus integrantes procedan de nacións e organizacións democráticas.
Durante a reunión, os representantes dos diferentes grupos de traballo da CALRE informaron tamén sobre as actividades que están a desenvolver.
Foro sobre inmigración
As mesmas dependencias do Comité das Rexións que acolleran previamente a reunión do Comité Permanente, albergaron este venres un foro titulado “Unha política común de inmigración para Europa”, organizado tamén pola CALRE coincidindo coa celebración, este 20 de xuño, do Día Internacional dos Refuxiados, no que diferentes expertos internacionais achegaron reflexións sobre este asunto.
Na apertura do foro, Pilar Rojo recordou que os fluxos migratorios afectan ao nivel sub-estatal de goberno e que este asunto preocupa especialmente aos integrantes da CALRE, razón pola que un dos cinco grupos de traballo da organización se centra precisamente nos aspectos relacionados coa inmigración e está coordinado polo presidente da Asemblea rexional de Sicilia, Giovanni Ardizzone.
Equilibrio necesario
Rojo Noguera lamentou a “grave situación” que atravesan milleiros de refuxiados sirios, subsaharianos, iraquíes ou ucranianos, entre outros. “Na actualidade –dixo- é especialmente alarmante o dato referido aos sirios, que constitúen a cuarta parte das persoas que entran irregularmente na UE”. “Agardo que durante este foro obteñamos conclusións que resulten de utilidade para todos”, afirmou Pilar Rojo.
Pilar Rojo iniciou a xornada reuníndose con Giacomo Negrotto, representante da iniciativa conxunta para o desenvolvemento e as migracións do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD).