O xurado do Concurso Escolar do Parlamento de Galicia comeza a revisión dos traballos presentados

Santiago, 18 de maio de 2015.- Os membros do Xurado do Concurso Escolar do Parlamento de Galicia celebraron esta mañá a primeira reunión encamiñada a seleccionar aos gañadores do certame.
 
Na xuntanza de hoxe, os membros do xurado recibiron copia, en soporte dixital, dos traballos presentados a concurso para proceder ao seu visionado. A finais deste mes de maio celebrarán unha nova reunión na que se fará público o fallo do xurado.
 
Na actual edición revisaranse 73 traballos, elaborados por 292 alumnos. A selección inicial foi efectuada en cada centro escolar, xa que cada clase só pode presentar un único traballo e cada colexio ou instituto un máximo de cinco.
 
As bases da convocatoria do Concurso Escolar 2014-2015 do Parlamento de Galicia fixan tres modalidades diferentes: educación infantil e especial, educación primaria e educación secundaria. Os traballos –que nesta edición versan sobre aspectos relacionados coa Igualdade-  deben ter sido elaborados, obrigatoriamente, por un grupo de catro alumnos, esixencia orientada a incentivar o traballo en equipo. Cada grupo tivo liberdade para elixir a técnica a empregar: deseño dunha camiseta, relato curto, fotografías, vídeo ou vídeo xogo.
 
Xurado institucional
 
O xurado do Concurso Escolar do Parlamento de Galicia está integrado por:
  • Miguel Santalices Vieira, vicepresidente 1º do Parlamento de Galicia. Preside o xurado.
  • María Concepción Burgo López, vicesecretaria do Parlamento de Galicia.
  • María Soledad Piñeiro Martínez, presidenta da Comisión 4ª, Educación e Cultura, en representación da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera.
  • Vicente Docasar Docasar, deputado do Grupo Socialista, en representación de María Soledad Soneira Tajes, vicepresidenta 2º do Parlamento de Galicia.
  • Moisés Blanco Paradelo, deputado do Grupo Popular (que desculpou a asistencia), en representación de José Manuel Balseiro Orol, secretario da Mesa do Parlamento.
  • Xosé Manuel Rosales Noves, profesor designado polo Parlamento de Galicia.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas