saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 26 de abril de 2017


 
4.1 2516 (10/PNP-000238)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Puy Fraga, Pedro e 7 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego destinadas a apoiar os centros de FP e os CIFP como impulsores da innovación do sector empresarial galego
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG n.º 36, do 28.12.2016
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a apoiar aos centros de FP como verdadeiros impulsores da innovación no sector empresarial galego e a aproveitar a implantación territorial dos CIFP como unha auténtica rede de innovación e relación co mundo produtivo”.
 
4.3 5673 (10/PNP-000480)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Díaz Villoslada, Juan Manuel e 2 máis
Sobre a aprobación polo Goberno galego dun plan antifraude na contratación pública autonómica
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 79, do 08.03.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a aprobar un plan antifraude na contratación pública no ámbito do sector público autonómico”.

4.5 6339 (10/PNP-000561)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Fernández Prado, Martín e 9 máis
Sobre a demanda polo Goberno galego ao Goberno central do impulso da modernización da conexión ferroviaria entre A Coruña e Ferrol, así como dunha planificación estratéxica ao respecto
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 83, do 15.03.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:
 
1. Demandar ao Goberno do Estado a necesidade de impulsar a modernización da conexión ferroviaria entre A Coruña e Ferrol para que os cidadáns se poidan beneficiar de mellores prestacións e de servizos máis útiles, eficientes e competitivos.
 
2. Solicitar ao Ministerio de Fomento unha planificación estratéxica para avanzar neste obxectivo de modo firme e constante, establecendo fases sucesivas para o desenvolvemento das actuacións de tal xeito que a súa progresiva posta en servizo permita ir acurtando os tempos de percorrido.
 
3. Demandar do Goberno de España a utilización dos mecanismos orzamentarios e administrativos axeitados para garantir que no primeiro trimestre de 2018 estea concluido o estudo de mellora da liña ferroviaria Ferrol-A Coruña e se inicie a continuación a execución de dito estudio”.

4.7 7202 (10/PNP-000650)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Presas Bergantiños, Noa e 5 máis
Sobre a demanda polo Goberno galego ao Goberno central dunha regularización legal en materia de tributación das pensións dos emigrantes retornados
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 96, do 05.04.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento insta á Xunta de Galicia a que se demande do Goberno español que nas negociacións dos convenios de dobre imposición se introduza unha cláusula que permita o recoñecemento dos certificados de invalidez de calquera dos estados  contratantes para os efectos das obrigas tributarias que podan ter as súas pensións no país de residencia do ou da pensionista”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina