Declaración institucional do Parlamento de Galicia - Día Nacional das Linguas de Signos Españolas


Declaración Institucional

Día Nacional das Linguas de Signos Españolas
 
O acceso á educación en condicións de igualdade é un dereito indiscutible para o conxunto do alumnado e, no caso de moitos nenos e nenas xordas, este acceso garántese incluíndo a lingua de signos no marco dun enfoque bilingüe-bicultural baseado na aprendizaxe, coñecemento e uso tanto da lingua de signos como da lingua oral da contorna.
 
Con motivo do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, e coincidindo co 10º aniversario do recoñecemento legal destas linguas en España, o Parlamento de Galicia declara o valor da lingua de signos na educación, como garante de equidade, inclusión e de liberdade, unha histórica e xusta demanda da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) xunto coa Confederación Estatal de Persoas Xordas.
 
O colectivo de persoas xordas é heteroxéneo e diverso, debido a unha serie de factores persoais e contextuais. Sexa cal for a situación, todas e cada unha das persoas xordas necesitan acceder á información e á comunicación para desenvolveren unha vida independente e seren parte activa do mundo. Por iso, todo suma, e no ámbito educativo un enfoque que abranga a lingua de signos, ademais da lingua oral da contorna, dotará a persoa xorda de todas as ferramentas necesarias para o pleno desenvolvemento da personalidade e a efectiva participación na vida social,  cultural e laboral.
 
A vontade dos individuos e das familias non é suficiente para garantir o acceso á educación en condicións de igualdade, senón que no caso das linguas de signos o eixo das obrigacións se sitúa nas políticas públicas. Por iso,  é preciso que as administracións tomemos conciencia de que o éxito académico das persoas xordas pasa por atender tamén as súas necesidades e demandas respecto ao desenvolvemento efectivo dos seus dereitos lingüísticos e á promoción desta lingua en España.
 
A Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade establece a obriga dos Estados parte de facilitaren a aprendizaxe da lingua de signos así como promoveren a identidade lingüística das persoas xordas a fin de propiciar a súa participación plena e en igualdade de condicións na educación e como membros da comunidade, un mandato que debe comprometer todas as administracións  públicas e ser asumido por elas.
 
De igual forma, convén ter en conta o Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da  Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, e a Lei 27/2007, que recoñece as linguas de signos españolas e os medios de apoio á comunicación oral das persoas xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas, sen esquecer que todas e cada unha das leis educativas e ulteriores desenvolvementos inclúen no seu articulado a obriga de ser universalmente accesibles e inclusivas en calquera das etapas educativas, incluída a educación superior.
 
Con todo o anterior, calquera medida que se tome en consideración para avanzar en políticas educativas inclusivas para o alumnado xordo debe incorporar de forma unívoca as linguas de signos, non só como linguas de cultura e de comunicación senón tamén como linguas curriculares, e a imprescindible participación de profesionais xordos, se o que se pretende é deseñar escolas nas que todos poidan desenvolver as súas verdadeiras capacidades para contribuír na construción dunha sociedade cada vez máis xusta e solidaria.
 
Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2017 

Imaxes relacionadas