saltar ao contido

O Parlamento de Galicia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Foro E. Peinador convocan os XXIV Premios de Publicidade en Galego

 
• A convocatoria foi ultimada nunha reunión celebrada esta mañá entre o presidente do Parlamento, o secretario xeral de Política Lingüística e o presidente do Foro Enrique Peinador
 
• Os premios teñen como obxectivo promover a publidade en lingua galega e contan con catro categorías: radio, televisión, internet e prensa escrita
 
Santiago, 28 de xullo de 2017.- O Parlamento de Galicia
colaborará coa Secretaria Xeral de Política Lingüstica e co Foro Enrique Peinador para convocar a XXIV edición dos Premios de Publicidade en Galego, aos que se poderán presentar candidaturas ata o vindeiro 2 de outubro.
 
As bases da convocatoria foron ultimadas nunha reunión celebrada esta mañá na Cámara galega entre o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira; o  secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, e o presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González.
 
Estes galardóns teñen como obxectivo promover o uso da lingua galega no ámbito publicitario  e contan con catro categorías: radio, televisión, internet e prensa escrita. En cada unha destas modalidades entregaranse dous premios: á empresa anunciante e á axencia de publicidade que desenvolveu o traballo.
 
Convocatoria aberta
 
A convocatoria é de natureza aberta, polo que poderán formalizar a correspondente inscrición tanto as empresas anunciantes como as axencias de publicidade e de medios (empresas produtoras, estudios de deseño gráfico, creativos, desenvolvedores de webs, directores e produtores de produtos publicitarios) que realizasen unha acción publicitaria, difundida ou transmitida integramente en galego, no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 31 de decembro de 2016.
 
Os traballos que aspiren a ser galardoados deberán remitirse á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta  antes do 2 de outubro de 2017.
 
Os premios entregaranse no mes de novembro, coincidindo co Día da Galeguidade Empresarial.
 
As anteriores edicións dos Premios de Publicidade en Galego foron convocados polo Consello Asesor de RTVE-G e da Corporación da RTVG, agora disolto.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicacion do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina