saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 21 de novembro de 2018

4.2 29816 (10/PNP-002188)
Grupo Parlamentario de En Marea
Chao Pérez, Luca e Cuña Bóveda, María de los Ángeles
Sobre a implantación e aplicación polo Goberno galego das medidas normativas e regulamentarias necesarias para evitar, a partir do curso 2018-2019, a exixencia polos centros escolares de uniformes diferentes para cada sexo
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 299, do 03.05.2018

 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento  de Galicia  insta  ao Goberno  galego a implantar  e aplicar todas  as medidas  normativas  e  regulamentarias  pertinentes  para  que,  a  partir  do  seguinte curso   escolar   19-20,   todos   aqueles   centros   educativos   que   decidan   que   o alumnado  leve  uniforme  escolar,  non  obriguen  a  un  código  de  vestimenta diferenciado  por  sexo  entre  alumnas  e  alumnos,  contemplando  en  todo  caso  a opción de que as alumnas poidan elixir acudir ao centro educativo con pantalón”.
 
4.3 30032 (10/PNP-002210)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Fernández Prado, Martín e 8 máis
Sobre o requirimento polo Goberno galego aos concellos de Ferrol e Pontevedra da realización dos trámites necesarios para a posta en marcha, o máis axiña posible, do servizo de transporte urbano
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 299, do 03.05.2018
 
O texto aprobado é o seguinte:

 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a requirir daqueles concellos que teñen o deber de dispoñer de servizo de transporte urbano e que non o teñen aínda implantado -isto é os Concellos de Ferrol e de Pontevedra- que realicen cantos trámites sexan necesarios para a posta en marcha, á maior brevidade posible, do transporte urbano ao que están obrigados, ao obxecto de ofrecer máis e mellores servizos aos cidadáns, nomeadamente cara aos centros hospitalarios, e lograr así unha maior coordinación coa planificación do transporte que está a levar a cabo a Xunta.
 
O Parlamento de Galicia insta ao Gobenro galego a desenvolver a coordinación necesaria con ambos concellos coa finalidade de que, considerando a área metropolitana de ambas as dúas ciudades, o servizo de transporte urbano e o metropolitano se configuren conxuntamente como un servizo eficiente para a cidadanía”.

 
4.4 33233 (10/PNP-002513)
Grupo Parlamentario de En Marea
Villares Naveira, Luis e 3 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para protexer as vítimas de violencia de xénero, menores e testemuñas nas dependencias xudiciais
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 338, do 19.07.2018
 

O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
 
1.- Que se sigan levando a cabo, segundo a capacidade actual das infraestructuras en uso, aquelas reformas necesarias nas dependencias xudiciais galegas para evitar o cruce entre vítimas e agresores.
2.- Que se contemplen actuacións de modernización e evolución das tecnoloxías configurando a videoconferencia como un servizo básico  nos termos previstos nas leis.
 
3.- Que se habiliten, no marco da capacidade real en cada edifico xudicial, espazos axeitados nas dependencias xudiciais para os menores que teñen que acudir a procedementos xudiciais”.

 
4.8 39685 (10/PNP-002961)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
García Míguez, María Ángeles e 13 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en materia de violencia de xénero
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 380, do 06.11.2018
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta  á Xunta de Galicia  a que se  dirixa  ao   Goberno  do Estado para solicitarlle:
1.- Levar a cabo as reformas lexislativas aprobadas e recollidas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero coa máxima celeridade, apelando á vontade dos grupos parlamentarios para favorecer a súa aprobación.
 
2.- Concretar  a  forma  e  o  prazo  sobre  a  formalización  da  distribución  dos  créditos correspondentes  ao  Pacto  de  Estado  contra  a  Violencia  de  Xénero  tanto  ás  CC.AA. como ás entidades locais para o ano 2019.
 
3.- Reactivar  os  seis  Grupos  de  Traballo  creados  no  seo  da  Comisión  Técnica  de Igualdade  celebrada  o  30  de  novembro  de  2017  con  obxecto  de  coordinar  as  accións para  desenvolver  para  a  implementación  das  medidas  prioritarias  no  ano  2018, coordinados pola Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero”.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina