Acordos acadados na sesión da Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, celebrada o día 22-02-2019


A  Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, na súa sesión do 22 de febreiro de 2019, adoptou os seguintes acordos:
 
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
 
Aprobación sen modificacións
 
- 43889 (10/PNC-003508)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Egerique Mosquera, Teresa e 7 máis
Sobre o impulso da Xunta de Galicia para que demande do Goberno central e da Comisión Europea a defensa e aplicación das mesmas condicións para o peixe importado que as exixidas á conserva europea
BOPG n.º 418, do 24.01.2019
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 10 votos a favor, 0 votos en contra e 2 abstencións.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia para que demande do Goberno central e da Comisión Europea a defensa e aplicación das mesmas condicións para o pescado importado das que lle esixen á conserva europea, de xeito que non reste competitividade á industria de transformación do vello continente, así como a revisión da coherencia da aplicación das normas europeas reguladoras do comercio internacional e da pesca”.
 
- 45019 (10/PNC-003624)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Egerique Mosquera, Teresa e 7 máis
Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central en relación coa suba das cotizacións á Seguridade Social dos traballadores do réxime especial do mar
BOPG n.º 427, do 06.02.2019
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 7 votos a favor, 3 votos en contra e 2 abstencións.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno Central para que teña en conta os efectos perniciosos que esta suba terá sobre o persoal inscrito no Réxime Especial do Mar e a que corrixa esta modificación legal deixando sen efecto esta suba dos abonos á Seguridade Social ou ben a que outorgue novos dereitos e beneficios aos inscritos que compensen ese incremento”.

Aprobación con modificacións
 
- 44862 (10/PNC-003604)
Grupo Parlamentario de En Marea
Miranda Pena, Flora María e Quinteiro Araújo, Paula
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para evitar o impacto que está a ter para a frota costeira artesanal o actual sistema de TAC e cotas, así como a obriga de desembarque
BOPG n.º 427, do 06.02.2019
 
Sométese a votación  por puntos co resultado seguinte:
Punto Primeiro, aprobado por 10 votos a favor, 0 votos en contra e 2 abstencións.
 
Puntos Segundo e Terceiro, aprobados pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento galego acorda demandar da Xunta de Galicia:
Primeiro.- Promover e consensuar as medidas necesarias para materializar a exclusión das capturas accesorias ou accidentais da frota costeira artesanal do sistema de tacs e cotas, dada a súa multiespecificidade e, polo tanto, o seu escaos impacto no estado dos recursos mariños.
Segundo.- Requirir un tratamento distinto e diferenciado da xestión das posibilidades de pesca da frota artesanal con respecto ás frotas industrial e/ou semiindustrial.
Terceiro.- Continuar reclamando que a pesca costeira artesanal quede exenta da obriga de desembarque."
 

Aprobación por unanimidade con modificacións:
 
- 44034 (10/PNC-003522)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Toja Suárez, María Dolores e Otero Rodríguez, Patricia
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego destinadas a eliminar a situación de risco existente no porto de Malpica

BOPG n.º 418, do 24.01.2019
- 45001 (10/PNC-003621)
Grupo Parlamentario de En Marea
Miranda Pena, Flora María e 2 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para a mellora da actividade e a seguridade no porto de Malpica
BOPG n.º 427, do 06.02.2019

Sométense a votación conxunta e resultan aprobadas con modificacións respecto dos seus textos orixinais, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia  insta a Xunta de Galicia a:
 
Primeiro.- Acometer de forma urxente, baixo o asesoramento dos técnicos e comunidade portuaria e coa previa análise da positividade e efectividade das medidas a adoptar, as medidas reclamadas pola confraría de Malpica para o seu porto naqueles aspectos que sexan viables e positivos técnica e operativamente, de cara a eliminar a situación de risco existente no porto de Malpica, co fin de evitar novas desgrazas.
 
Segundo.- Se proceda, urxentemente a analizar a viabilidade de executar, en caso de ter a avaliación técnica, medidas para que se elimine o desnivel ou escalón existente baixo a comporta da dársena, se proceda a dragar a dársena, se mellore a iluminación da comporta e se regulen os fondeadoiros das embarcacións da sétima lista.
 
Terceiro.- Se proceda, de feito inmediato a analizar a viabilidade, e si así fose, a elaborar e executar no menor prazo posible, o proxecto que permita mellorar a seguridade mediante o alargamento do espigón e dique de abrigo do porto, tal como recomenden os técnicos."

Imaxes relacionadas