saltar ao contido

Moción aprobada polo Pleno do Parlamento de Galicia o 19 de novembro de 2019


 
3.1 58883 (10/MOC-000165)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Prado Cores, María Montserrat
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego e as demandas que debe realizar ao Goberno central en relación coa situación laboral en Galicia (Moción, a consecuencia da Interpelación n.º 54440, publicada no BOPG n.º 524, do 04.09.2019, e debatida na sesión plenaria do 12.11.2019)
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia a insta ao Goberno galego a:
 
1.- Elaborar un minucioso estudo sobre a situación laboral das mulleres galegas e a impulsar as medidas necesarias, coa dotación económica precisa, que aborden as carencias que se detecten no informe, de cara a fomentar un emprego estábel e de calidade para as mulleres.
 
2.- Promover e vixiar o cumprimento da lexislación en materia de igualdade laboral e traballar transversalmente pola eliminación das discriminacións.
 
3.- Elaborar, en colaboración co Consello Económico e Social, o Consello Galego de Relacións Laborais e as universidades galegas un estudo sobre o impacto da fenda salarial na economía galega e unha exploración de propostas para intervir nela no ámbito das competencias propias.
 
4.- Dotar nos orzamentos da Xunta para 2020 unha partida económica suficiente, non testemuñal, para actuar na rebaixa da fenda salarial.
 
5.- Presentar un informe no Parlamento galego, no primeiro trimestre de 2020, sobre o nivel de aplicación e cumprimento do acordo aprobado por unanimidade o 13 de marzo de 2019 que a continuación se transcribe:
 
O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a impulsar as seguintes accións para a incorporación de cláusulas de igualdade na contratación pública galega:
 
a) Definir e aprobar, en colaboración coas forzas políticas, sindicais e axentes sociais e económicos, no prazo de 6 meses o proceso metodolóxico para a implantación de cláusulas de igualdade onde se contemple: diagnose, planificación para a posta en marcha e mecanismos de avaliación.
 
b) Designar unha comisión responsábel do seguimento do proceso e da avaliación periódica na que obrigatoriamente estea incorporada unha persoa representante da Secretaría Xeral de Igualdade.
 
c) Garantir un grupo técnico multidisciplinar para fornecer a asistencia técnica especializada que precisen as áreas de goberno.
 
d) Elaborar e remitir á Cámara Galega un informe anual da implantación progresiva das cláusulas de igualdade que incorpore información tanto estatística como cualitativa e a difusión de experiencias e boas prácticas
 
e) Impulsar as modificacións legais oportunas para blindar legalmente a obrigatoriedade da inclusión deste tipo de cláusulas na contratación pública galega.

6.- Demandar do Goberno español:
 
a) O aumento dos efectivos de inspección laboral para incrementar as inspeccións e as sancións para que as categorías e os pluses non encubran desigualdade salarial, para tal fin demandar a introdución na lexislación, de sancións económicas para aquelas empresas que non garantan a equidade salarial entre mulleres e homes.
 
b) A inmediata equiparación de dereitos laborais e protección social para as traballadoras de fogar e de coidados, incluídas as prestacións por desemprego, a cotización por salarios reais e iguais condicións para o cálculo das pensións. Demandar o recoñecemento pleno no Estatuto dos Traballadores e Traballadoras e integración completa no Réxime Xeral da Seguridade Social así como a sinatura do Convenio 189 da OIT.”
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina