A Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, na súa sesión do 18 de marzo de 2021, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación con modificacións
- 4862 (11/PNC-000578)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Prado Cores, María Montserrat e dous/dúas máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para atender as demandas da asociación QuerENDO. Mulleres con endometriose
BOPG n.º 44, do 11.11.2020
Sométese á votación separada por alíneas:
Alíneas 2, 3, 4, 5, 6 e 9 da primeira parte do texto resolutivo: resultan aprobados pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
Alíneas 1, 7 e 8 da primeira parte do texto resolutivo: resultan rexeitados por 5 votos a favor, 7 votos en contra e 0 abstencións.
Alínea 1 da segunda parte do texto resolutivo: resulta aprobada por 10 votos a favor, 0 votos en contra e 2 abstencións.
Alínea 2 da segunda parte do texto resolutivo: resulta rexeitada por 3 votos a favor, 7 votos en contra e 2 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a:
1. Creación das consultas específicas da endometriose en todas as áreas sanitarias (neste momento só existen na Coruña, Vigo e Ourense) e ampliación dos tempos de atención nesas consultas.
2. Realizar as derivacións das endometrioses máis severas a unidades multidisciplinares alí onde non as haxa
3. Levar a cabo campañas de divulgación da doenza.
4. Levar a cabo campañas de formación e actualización do persoal sanitario que está en contacto coas doentes (matronas, médicos de familia, enfermería, xinecoloxía, anestesioloxía…)
5. Realizar atención diferenciada en fertilidade ás doentes de endometriose, no inmediato activar as consultas e tratamentos de reproducción, e dotalas de máis recursos, xa que o tempo corre en contra das mulleres que están nesas eternas listaxes de agarda.
6. Activar a actividade sanitaria tanto en Atención Primaria, consultas e cirurxías hospitalarias para garantir a atención necesaria para as mulleres que padecen endometriose.
O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a dirixirse ao Goberno español en demanda de inclusión dos tratamentos para a endometriose entre os financiados pola Seguridade Social."
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 9104 (11/PNC-000949)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Torrado Quintela, Julio e dous/dúas máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación co xogo
BOPG n.º 88, do 03.02.2021
Sométese á votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:
1. Remitir á Cámara galega á maior brevidade un proxecto de lei do xogo de Galicia que se fundamente, entre outras cuestións, en:
a) Potenciar as accións destinadas á prevención, co desenvolvemento de programas de prevención de condutas aditivas asociadas ao xogo e apostas.
b) Poñer especial atención nas medidas de control e acceso ao xogo e apostas para os máis mozos e mozas e menores de idade.
c) Limitar a difusión e promoción do xogo a través dos medios de comunicación, eliminando esta práctica nos medios públicos de Galicia.
2. Crear un Observatorio Galego do Xogo que contemple, entre outras, as funcións de:
a) Elaborar un protocolo de actuación para evitar o xogo en menores
b) Realizar un informe anual sobre o xogo en Galicia
c) Facer un seguimento da aplicación da lexislación sobre xogo en vigor, e elaborar propostas de modificación, actualización e mellora do marco normativo.
3. Comprometer a consideración de maiores restricións que a hostalería e outros locais e espazos de ocio no caso de existir, pola razón que sexa, a necesidade de tomar este tipo de decisións durante a pandemia ou outras causas sobrevidas."