Pilar Rojo asume formalmente a Presidencia da Conferencia de presidentes de Parlamentos Autonómicos co reto de acadar un maior acercamento aos cidadáns


Pilar Rojo asume formalmente a Presidencia da Conferencia de presidentes de Parlamentos Autonómicos co reto de acadar un maior acercamento aos cidadáns
 
• A presidenta do Parlamento de Navarra desprazouse a Santiago para darlle o relevo á titular da Cámara galega
 
• Rojo Noguera reivindica o papel dos parlamentos autonómicos  como “foros de concordia e entendemento” e aposta por mellorar a colaboración entre as diferentes cámaras

Santiago, 6 de abril de 2011.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, asumiu hoxe formalmente a Presidencia da Conferencia de Presidentes de Parlamento Autonómicos (COPREPA) de mans da presidenta do Parlamento de Navarra, Elena Torres, que esta mañá se desprazou a Santiago para efectuar o traspaso desta responsabilidade.
 
A elección, por unanimidade,  de Pilar Rojo como presidenta da COPREPA tivo lugar o pasado 8 de marzo no Plenario anual desta organización celebrado en Pamplona.
 
Foros de concordia
 
Nunha intervención ante os medios de Comunicación, Pilar Rojo afirmou asumir a Presidencia de COPREPA co reto de “reivindicar ante o conxunto da sociedade o papel dos parlamentos autonómicos  como foros de concordia e entendemento; como institucións canalizadoras dos problemas e inquedanzas dos cidadáns e como elementos de debate civilizado para a búsqueda de solucións aos problemas aos que debemos facer fronte nestes momentos de dificultade”.
 
A importancia das institucións
 
É precisamente nestes momentos difíciles nos que, en opinión de Pilar Rojo, “as institucións públicas son aínda máis importantes para tratar de superar os problemas”.
 
Como presidenta de COPREPA durante os vindeiros doce meses, Rojo Noguera anunciou que, na liña dos que a precederon neste cargo, que procurará “reforzar e mellorar a colaboración dos parlamentos autonómicos”, non só entre sí e no ámbito nacional, senón tamén reforzar a presenza destas cámaras nos diferentes foros internacionais nos que están representados.
 
O feito de que a Presidencia de COPREPA coincida coa celebración do 30 aniversario do Parlamento de Galicia constitúe, para Pilar Rojo, “unha oportunidade que nos permitirá aunar sinerxias para lograr un maior acercamento da Cámara aos cidadáns”.
 
Agradecemento a Navarra
 
A presidenta do Parlamento de Galicia valorou tamén o traballo desenvolvido pola súa homóloga de Navarra á fronte de COPREPA. “Navarra deixounos o listón moi alto e confío en que sexamos capaces de desenvolver unha xestión, polo menos, igual de boa, que a da miña predecesora”, afirmou Rojo Noguera.
 
Pola súa banda, a presidenta do Parlamento de Navarra, Elena Torres, trasladou os seus mellores desezos á presidenta da Cámara galega e recordou que durante a súa etapa á fronte de COPREPA procurou o respecto, a convivencia, o consenso e o diálogo.
 
Torres Miranda reivindicou tamén o papel da política e animou ás institucións, partidos, representantes dos cidadáns e medios de comunicación a traballar en común.

Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas