Ante o brutal asasinato, o pasado día 3 deste mes de xullo na cidade da Coruña, do mozo Samuel Luiz Muñiz, de 24 anos, o Parlamento de Galicia EXPRESA:
A súa condena e repulsa polo vil asasinato de Samuel, que foi cometido con asañamento e crueldade.
A súa solidariedade e apoio á súa familia, ás súas amizades e persoas achegadas e aos seus compañeiros, compañeiras e residentes no Centro da Terceira Idade Padre Rubinos, no que prestaba os seus servizos profesionais.
A súa condena de calquera tipo de violencia, sexa esta puntual ou continuada; explícita ou implícita; verbal, psicolóxica ou comportamental; e sexa cal sexa a súa motivación, a violencia é sempre repulsiva e reprochable.
Porque a violencia só xera máis violencia e porque todos e todas somos parte dunha sociedade democrática incompatible con calquera tipo de expresión violenta ou cargada de agresividade.
Sabendo, ademais, que a tolerancia cero coa violencia é a única maneira que temos para educar as novas xeracións, que serán quen de interiorizar unha mensaxe construtiva de convivencia pacífica que respecte a todas as persoas.
O Parlamento expresa tamén seu recoñecemento ao comportamento heroico dos cidadáns senegaleses, que non dubidaron en acudir ao auxilio de Samuel Luiz Muñiz tentando deter o seu linchamento, poñendo en risco a súa propia integridade física. O Parlamento de Galicia recomenda que o Goberno de España, atendendo ao excepcional compromiso cívico amosado por estes cidadáns, aborde a regularización da súa residencia en España, valorando axeitadamente os méritos que concorren na súa persoa.
A súa confianza nos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e na Xustiza, xa que fican por esclarecer as causas últimas do acontecido no asasinato de Samuel e por iso se fai preciso que sigan investigando en profundidade os feitos para que non queden impunes.
Porén, segundo as testemuñas, no asasinato de Samuel vertéronse expresións homófobas que, con independencia da cualificación penal dos feitos, o Parlamento de Galicia quere condenar, alén de lembrar a importancia de desterrar da nosa sociedade o odio á diversidade sexual.
Eliminar desde as violencias máis sutís e normalizadas, como as brincadeiras e expresións degradantes, até calquera forma de violencia física ou psicolóxica, é unha responsabilidade diaria que nos interpela a toda a sociedade.
O Parlamento de Galicia comprométese a facer todo o que estea nas súas mans para contribuír a unha sociedade más pacífica na que a convivencia quede libre do mínimo signo de violencia porque, en definitiva, calquera de nós pode ser Samuel.
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2021