Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 13 de abril de 2011

4.2  08/PNP-1105 (62425)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Viéitez Alonso, Henrique
  
Sobre a situación das empresas auxiliares do sector naval
Publicación da iniciativa, BOPG núm. 441, do 30.03.2011
 
O texto aprobado e o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
 
1) Evitar despedimentos precipitados neste período de coxuntura, preservando os postos de traballo e retendo a man de obra altamente cualificada, que xa escaseou nos últimos anos.
 
2) Potenciar o centro de reparacións na ría de Vigo, aproveitando as sinerxías existentes no entramado industrial e derivado do tráfico do Porto e a da súa propia localización nunha zona de intenso tráfico marítimo. Dentro desta actividade aproveitar as necesidades existentes e derivadas dun mercado emerxente como é o da transformación dos buques de "segunda man".
 
3) Dirixirse á SEPI para que impulse, dinamice e poña en conecemento do sector marítimo o centro de reparacións de Navantia en Ferrol, ao obxecto de incrementar a carga de traballo de reparación e transformación e botar a andar un centro de reparacións nas instalacións de Navantia-Fene, recollido no estudo elaborado polo Goberno galego anterior sobre a ría de Ferrol e o sector naval”.
  
4.5  08/PNP-1115 (62704)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Castiñeira Broz, Jaime, e Rodríguez Arias, Marta
  
Sobre a inclusión como prioritaria, no mapa de infraestruturas sociais do Goberno galego, dunha residencia de persoas maiores no concello de Lugo
Publicación da iniciativa, BOPG núm. 441, do 30.03.2011
 
O Texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia, insta á Xunta de Galicia, a que contemple no seu mapa de infraestructuras sociais, como prioritario, unha residencia de maiores no concello de Lugo”.
 
4.6  08/PNP-1123 (62927)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Prado del Río, Paula, e Seoane Romero, María
  
Sobre as demandas  que debe realizarlle o Goberno galego ao Ministerio de Fomento en relación coa licitación e execución das obras de reforma da Praza de Abastos de Santiago de Compostela
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a reclamar do Ministerio de Fomento a que licite no prazo de un mes as obras de reforma da Praza de Abastos de Santiago de Compostela, e que acorte dentro do posible a duración das mesmas, axustándose á financiación plurianual prevista".
 
Santiago de Compostela, 13 de abril de 2011
 

Imaxes relacionadas