saltar ao contido

O Parlamento publica o Código Parlamentario de Galicia

• Trátase da “máis completa e actualizada recompilación de dereito parlamentario de Galicia”, en palabras de Santalices
 
• O presidente do Parlamento recorda que nos seus 40 anos de existencia, a Cámara aprobou preto de 500 leis “que dan sustento ao noso autogoberno e articulan o funcionamento da sociedade galega desde unha óptica garantista dos dereitos da cidadanía”
 
Santiago 27 de xuño de 2022.- O Parlamento galego vén de editar o Código Parlamentario de Galicia, “a máis completa e actualizada recompilación de dereito parlamentario de Galicia de cantas se teñen publicado ata o día de hoxe”, segundo explicou o titular do Lexislativo, Miguel Ángel Santalices Vieira, esta mañá, na presentación da obra.
Cando se veñen de conmemorar os 40 anos da autonomía e do Parlamento de Galicia, Santalices recordou que, neste tempo, o Lexislativo galego aprobou un total de 439 leis. Son, ao seu xuízo, “moitas leis pero, sobre todo, boas leis que dan sustento ao noso autogoberno e articulan o funcionamento da sociedade galega desde unha óptica garantista dos dereitos  da cidadanía, máis tamén determinando obrigas”.
 
Explicou Santalices que a publicación desta obra se enmarca na política editorial do Parlamento de Galicia, que responde a dúas premisas: a oferta de textos xurídicos que podan resultar de utilidade para a cidadanía en xeral ou para determinados colectivos en particular; e a edición de traballos de interese no ámbito da cultura galega, especialmente os que a iniciativa privada no pode abordar en solitario.
 
Obra útil e necesaria
 
O Código Parlamentario de Galicia é unha obra “útil e necesaria” tanto para deputadas e deputados como para xornalistas, pero tamén para o conxunto da sociedade, dada a amplitude do centenar de normas compiladas (total ou parcialmente) e as posibilidades de participación cidadá na actividade parlamentaria que contempla o ordenamento xurídico  galego.
 
O volume está dispoñible en papel, e tamén se publicará como libro electrónico gratuíto na web do Parlamento de Galicia.
 
O presidente do Parlamento apuntou que a Cámara galega está a traballar coa Universidade de Santiago e a Xunta de Galicia para mellorar o portal xurídico lex.gal, colaboración que tamén se estende ao proxecto Nós de intelixencia artificial para impulsar a lingua galega nos contextos tecnolóxicos.
 
Antes da intervención de Santalices, na presentación tomaron a palabra o xefe do Servizo de Publicacións do Parlamento de Galicia Xermán García Cancela, e mailo letrado oficial maior da Cámara, Xosé Antón Sarmiento Méndez. O acto contou coa asistencia de integrantes da Mesa e representantes dos grupos parlamentarios.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina