Intervención da presidenta do Parlamento, Pilar Rojo Noguera, na Solemne sesión conmemorativa do XXX aniversario do Parlamento de Galicia

INTERVENCIÓN DA PRESIDENTA DO PARLAMENTO NA SOLEMNE SESIÓN CONMEMORATIVA DO XXX ANIVERSARIO
19 de decembro de 2011, 12.30h

Presidente da Xunta de Galicia,
Membros do Goberno,
Señoras e señores deputados,
Ex- Presidentes da Xunta de Galicia:
- D. Gerardo Fernández Albor
- D. Fernando González Laxe
- D. Emilio Pérez Touriño
Ex- Presidentes do Parlamento de Galicia:
- D. Tomás Pérez Vidal
- D. José Mª García Leira
- Dª Dolores Villarino Santiago
Delegado do Goberno,
Ex- deputados/as do Parlamento de Galicia,
Autoridades e representacións,
Señoras e señores,
Gallaecia fulget, “Brilla Galicia”.
Esta expresión, escrita por Álvaro de Cadaval no 1544, atópase na inscrición que rodea ao claustro do Colexio compostelán de Santiago Alfeo, erixido por Alonso III de Fonseca para darlles estabilidade aos estudos creados a finais do século XV. Era o annus mirabilis de 1495, cando o mundo estaba a mudar e Galicia xa non era a fin da terra, senón un dos centros de atracción do orbe católico.
Hoxe, na conmemoración do trixésimo aniversario do Parlamento de Galicia, podemos dicir igualmente Gallaecia fulget, “brilla Galicia”, neste intenso e azaroso século XXI. E brilla, en parte, grazas ao seu Parlamento, que con orgullo, humildade e emoción me honro en presidir. Un brillo de modernidade que olla para o futuro sen esquecer estas tres décadas da súa historia, cheas de convivencia e progreso desde aquela sesión inaugural do 19 de decembro de 1981. Nela, o presidente da Xunta Quiroga Suárez afirmaba que estaban a escribir un “senlleiro e solemne acto” na “grande historia de Galicia”, e amosábase esperanzado e optimista. “É grande o desafío e longa a obra”, dicía. Non lle faltou razón. Tamén o presidente da Cámara alí elixido, Antonio Rosón, apelaba á responsabilidade, asumida cun espírito nobre e xeneroso. Era unha época de grande ilusión, pero tamén de certas desconfianzas e dúbidas ante a necesidade de asentar as institucións do Estatuto aprobado ese mesmo ano. Estabamos ao comezo da andaina da autonomía, que posibilitou a existencia do órgano parlamentario, pero que tamén se alimentou do mesmo cobrando sentido político grazas precisamente a el. Así, Parlamento e autonomía viviron e viven paralelos como conceptos interdependentes, necesitándose mutuamente.
A desconfianza pronto quedou atrás, de xeito que se pode afirmar, sen dúbidas, que estes trinta anos foron os de maior desenvolvemento da historia de Galicia. O Parlamento comandou tal avance grazas ao esforzo dos seus deputados e deputadas, que souberon comprender a súa época e construír pontes entre a tradición e a modernidade, outorgándolle a esta Cámara a centralidade que lle corresponde no conxunto do sistema. Debo, por iso, manifestar o meu sentimento de homenaxe para todos eles, sobre todo para os que xa non están entre nós, aínda que o seu recordo sempre permanecerá latente.
Esta conmemoración é proba da consolidación da nosa autonomía e da evolución do seu autogoberno, posible, en gran parte, por mor do afianzamento competencial. E todo isto desde a lealdade á Constitución e a solidariedade co resto de territorios. Son case oito lexislaturas nas que se construíu, e se está a construír, baixo a éxida desta Cámara, o ordenamento xurídico de Galicia, concretándose, dese xeito, o sentido da devandita autonomía política. A vitalidade deste poder lexislativo permitiu regular un amplo abano de sectores materiais que traducen o noso elenco competencial.
O tempo transcorrido deulle ao Parlamento unha dimensión institucional que lle permite ser icono do poder público galego; engadiulle un aspecto garantista ao aparecer como instrumento para achegar as inquedanzas da cidadanía; reforzou a función representativa, propia do xenoma democrático; e proporcionoulle un papel simbólico das esencias da terra de Breogán. Este órgano converteu en cotiá a experiencia democrática e xerminou un poderoso corpo normativo para crear a arquitectura da Comunidade Autónoma nas marxes do predio constitucional, moitas veces desde o consenso e a unanimidade. No pazo do Hórreo, e antes no pazo de Fonseca e no de Xelmírez, adquiriron sentido innumerables iniciativas de mellora da vida dos nosos concidadáns. Podería dicirse que o Parlamento soubo nutrirse da realidade da súa época.
Deste xeito, atopámonos nunha Cámara plenamente consolidada, que tentou asentarse na procura da excelencia e que se converteu no eixe básico para a conformación da opinión pública galega. Este poder lexislativo mostrou un alto rendemento institucional comprometido en todo momento cos valores democráticos e coas liberdades públicas.
A Cámara asumiu unha función simbólica de xustificación do sistema, o que lle permitiu a este último dotarse dunha elevada estabilidade. Deste xeito este Parlamento logrou contribuír á identidade colectiva asumindo un forte referente político en continua interactuación coa súa comunidade.
No decorrer destes anos foise complicando progresivamente o funcionamento do sistema público nun xiro irreversible cara a unha realidade multinivel e unha gobernanza interinstitucional. Fomos quen de dar resposta a estes cambios de tanta relevancia para o desenvolvemento da Comunidade Autónoma. O Parlamento de Galicia asumiu protagonismo, por momentos destacado, en distintos foros de estudo e debate desta gobernanza multinivel, buscando a necesaria implicación nos procesos de toma de decisións, en especial a escala europea.
Esta crecente complexidade da vida pública tamén nos obrigou a iniciar, primeiro, e logo profundar, en diversos mecanismos de ciberdemocracia, que están servindo para dinamizar a vida parlamentaria, as súas funcións e os seus valores. A implementación destes instrumentos dixitais prodúcese en varias fases, progresivamente, co obxecto de ir acadando os adecuados resultados sinérxicos. De todos modos, non esquecemos que se trata de medios instrumentais, non de fins en si mesmos. A esencia da democracia segue a ser o seu substrato axiolóxico de liberdade, pluralismo e participación.
Martín Códax, o trobador medieval, recollía nas súas cantigas, ás veces trémulo, ás veces namorado, as excelencias das relacións persoais na terra atlántica. O Parlamento mantivo co pobo de Galicia unha relación de paixón que ben nos gustaría reflectir nestas composicións poéticas xa universais. A irreversibilidade do tempo non o posibilita, aínda que o diálogo, a transparencia e a xustiza nos permitirán albiscar este intento de deixar pegada na mellora da vida colectiva. A cohesión e a solidariedade serán os baluartes para conseguir novas efemérides como a que agora celebramos. Animo a todos a non rebaixar esta paixón e a traballar arreo e con ilusión para seguir ofrecéndolle os mellores froitos a esta terra á que nos debemos.
As fortalezas destes trinta anos son unha ensinanza para o labor do presente. Gratitude, por iso, para con todos aqueles e aquelas que nos precederon e que souberon dar exemplo co seu traballo e compromiso. As debilidades destes trinta anos servirán para corrixir os erros e mellorar as elevadas posibilidades das funcións parlamentarias. Este é o noso desexo de mellora continua.
Nesta época de crise e de aparición de novas lexitimidades, conmemoramos esta data coa determinación de afianzar a dimensión de servizo público do labor parlamentario reivindicando a súa esencia democrática, libre, representativa e tolerante. Deste xeito, estas tres décadas axudan a afrontar, desde o valor da experiencia, tales riscos e ameazas na procura do adecuado rol na escalada recente de novas formas de identificación e representación cidadá. Esta tarefa é ímproba, pero a nosa determinación poderosa para manter a proximidade co pobo ofrecéndolle canles multidireccionais de acceso, opinión e reivindicación. Como representantes do corpo electoral asumimos a permanente necesidade de actualización con rigor profesional e con ansía de aprendizaxe permanente. Soamente así fomentaremos a confianza da cidadanía en todos nós.
Non cabe dúbida de que vivimos nunha época difícil para os sistemas políticos, sometidos a tensións e desaxustes ante demandas de todo tipo. A sociedade actual é unha sociedade esixente, formada, que reclama dos poderes públicos continuas respostas. Como xa dixen noutra ocasión, estes desafíos poden ser solucionados cun parlamento dinámico, áxil e moderno, que responda desde a calidade do seu traballo a esta situación na que a representación se atopa dispersa e fragmentada. O acercamento á cidadanía será garantía de éxito nesta elevada angueira que nos encomendou o corpo electoral, na procura dun diálogo continuo e fluído. Esta é a única vía para que o proceso de toma de decisións sexa xusto e adecuado á realidade do presente. Tamén a transparencia debe acompañarnos nas nosas tarefas para lograrmos niveis máis altos de confianza, corresponsabilidade e participación.
As funcións parlamentarias exercéronse de xeito eficaz estes trinta anos. Non obstante, no día de hoxe é precisa a súa actualización con base nunha nova lexitimación material asentada no correcto cumprimento delas. A función representativa necesita que o Parlamento sexa o verdadeiro foro global de encontro que congrega con obxectividade a pluralidade colectiva. Pola súa vez, a función lexislativa debe apostar polas ideas citadas de transparencia e proximidade aos cidadáns. E a función de control ten que ser porosa coas modalidades atípicas e difusas de tal control. Deste modo, lograremos lexitimarnos por razón da nosa actividade. O recurso ás tecnoloxías daranos posibilidades antes inexistentes para dinamizar a participación e captar algúns dos esquemas poliédricos do pluralismo deste século.
Señorías, un acto como o de hoxe afianza a nosa vontade de traballar intensamente en beneficio de Galicia e alimenta as forzas para facer do Parlamento o faro que alume o camiño da nosa comunidade e o espello que reflicta as virtudes do noso pobo.
Brilla Galicia, e o seu Parlamento está de festa. Parabéns a todos as galegas e galegos.
Moitas grazas.
 

Imaxes relacionadas