saltar ao contido

O Parlamento de Galicia estrea novo deseño da páxina web que, por vez primeira, permite aos cidadáns contactar con calquera deputado


O redeseño da páxina de inicio é primeira dun amplo paquete de medidas recollidas no Plan Director dos Sistemas  de Tecnoloxías da Información que a Cámara está desenvolvendo
 
 
• O novo deseño, máis intuitivo e con maior protagonismo para a actividade parlamentaria e para os deputados, ofrece
un amplo menú de posibilidades aos internautas
 
• É a primeira vez que se ofrece unha ferramenta para que os cidadáns podan contactar, a través de Internet, cos deputados que integran a Cámara
 
Santiago, 30 de xaneiro de 2011.- A web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.es) ofrece desde esta fin de semana unha nova páxina de inicio, máis intuitiva que a anterior e que outorga tamén un maior protagonismo á actividade parlamentaria que se desenvolve na Cámara.
Así, nun primeiro contacto visual, a web do lexislativo galego ofrece un amplo abano de información, que abrangue desde todas as leis promulgadas polo Parlamento de Galicia ao longo das súas case tres décadas de historia, ata un croquis do Hemiciclo que permite acceder aos datos biográficos, correo electrónico e teléfono de contacto dos 75 deputados da actual lexislatura.
 
Oferta pioneira
 
Esta é a primeira ocasión na que se facilita aos internautas a posibilidade de contactar, a través de Internet, con cada un
dos deputados que integran o Parlamento de Galicia.
 
“Esta é a casa de todos os galegos e nada mellor para afondar nesta realidade que brindar unha ferramenta que facilite a relación entre cidadáns e deputados, sempre desexable e necesaria, e que incrementa a calidade democrática das institucións”, afirma a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera.
 
A medida enmárcase na aposta da presidenta da Cámara  por abrir o Parlamento de Galicia ao conxunto da sociedade, aposta que se materializa a través doutras posibilidades, tamén ofrecidas na web, como un vídeo trilingüe que explica a historia, competencias e funcionamento da Institución, ou a posibilidade de concertar unha visita programada á sede lexislativa.
 
Plan Director
 
O redeseño da páxina de inicio da web é a primeira dun amplo paquete de medidas recollidas no Plan Director dos Sistemas de Tecnoloxías da Información do Parlamento de Galicia que se irá executando ao longo da actual lexislatura.
O obxectivo é que ao remate do actual mandato a Cámara sexa e funcione como un “Parlamento virtual”, facilitando o labor de deputados e traballadores da institución, ademais de impulsar a interacción cos cidadáns a través da rede.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina