saltar ao contido

O presidente do Parlamento avoga por “conformar espazos comúns de convivencia”

  • Santalices Vieira presentou en Bouzas a tradicional ofrenda a San Pedro Pescador, na que pediu “avanzar na construción dun mundo máis xusto"

 

  • “Unha oración por todos aqueles valentes que faenan no Gran sol, en augas de Chile, do Sur de África, das nosas rías ou en calquera dos mares ou océanos"

 

 

Santiago, 22 de xullo de 2024.- O  presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, interviu hoxe na igrexa de San Miguel de Bouzas como oferente de San Pedro Pescador, protector das familias mariñeiras de Bouzas. Na cerimonia, o xefe do Lexislativo galego pregou por “avanzar na construción dun mundo máis xusto, onde a paz, a honestidade, o respecto e a tolerancia sexan os mellores aparellos".

 

As peticións do oferente non se limitaron a Bouzas, se non que se fixeron extensibles a Vigo, España e Europa. “Que atopemos sempre os estímulos necesarios para conformar espazos comúns de convivencia, xustiza, tolerancia e solidariedade; pedímosche por Europa, para que os defensores da paz sigan remando cara un mundo máis xusto e comprometido que deixar aos que veñen detrás", dixo.

 

En nome da xente do mar, Santalices expresou “a gratitude a San Pedro Pescador e unha oración por todos aqueles valentes que, confiando na súa protección, faenan no Gran sol, en Terranova, en augas de Chile, do Sur de África, das nosas rías ou en calquera dos mares ou océanos".

 

Acougo e agradecementos

 

O presidente da Cámara galega destacou na ofrenda a necesidade de alumeo daqueles que, coma emigrantes, embarcan nos portos á procura do sustento para as familias que quedan agardando por eles, así como aos “corazóns daquelas familias que viron como o mar lle roubaba o que máis querían".

 

Para rematar, Santalices agradeceu a súa elección como oferente e tivo presentes nas súas palabras aos cofrades, fieis e devotos de San Pedro Pescador, así como a tódolos mariñeiros e pescadores, pero tamén aos armadores dos asteleiros dos que “saíron tantos buques en busca do sustento para as familias que quedaban agardando boas novas dos lances pesqueiros e da vida dos que bogaban moi lonxe dos seus".

​ 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina