Mesa redonda 24/06/2017
Santiago, 24 de xuño de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, afirmou hoxe, no VIII Encontro Global de Parlamentarios de Sanidade, que se celebra en Alcalá de Henares (Madrid), que “no proceso lexislativo hai espazo para as achegas de deputados, profesionais, cidadáns e Goberno, porque se complementan”.
O presidente do Lexislativo galego moderou unha mesa redonda sobre “Traballo interno das comisións”, na que convidou aos participantes a reflexionar na procura de fórmulas que permitan mellorar este proceso. Entre outras posibilidades, Santalices animou a debater sobre a oportunidade ou non de contar coa opinión de expertos para a elaboración de iniciativas parlamentarias, sobre a repercusión mediática das iniciativas segundo o órgano no que se debaten (pleno ou comisión) ou sobre a utilización de diferentes mecanismos de participación cidadá para mellorar o traballo e a divulgación do traballo parlamentario.
Santalices Vieira tamén animou aos asistentes a intercambiar opinións sobre as medidas de participación cidadá dispoñibles e puxo en valor as diferentes fórmulas que ofrece o Parlamento de Galicia, como a o impulso da acción de goberno a través de proposicións non de lei, unha iniciativa pioneira que actualmente só contempla a Cámara galega.
O VIII Encontro Global de Parlamentarios de Sanidade está organizado polo grupo Sanitaria 2000 e conta coa participación de deputados e senadores da Cortes Xerais e de representantes dos parlamentos autonómicos.