saltar ao contido

Remata en Santiago a XVIII Asemblea Xeral da CALRE

 
• A presidenta da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas, Pilar Rojo, defendeu no balance do seu mandato que 2014 serviu para reforzar a credibilidade e a influencia da asociación

Santiago, 8 de novembro de 2014.- A Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE) conseguiu incrementar a súa influencia política ao longo do último ano non só no seu ámbito de competencia natural, como é a Unión Europea, senón tamén noutros países estratéxicos. Así o defendeu hoxe a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, no balance deste 2014 que presentou ante as delegacións parlamentarias reunidas no Pazo do Hórreo, en Santiago.
 
A presidenta da CALRE durante este ano referiuse na súa exposición aos contactos mantidos co Comité das Rexións, co presidente da Comisión Europea, cos titulares doutras asociacións rexionais de ámbito comunitario ou co Congreso de Autoridades Locais e Rexionais do Consello de Europa. Destes encontros xurdiu a adhesión da CALRE á Carta da Gobernanza a Multinivel do Comité das Rexións, así como iniciativas para a promoción dunha boa gobernanza en Europa e dunha maior implicación dos cidadáns no proceso lexislativo.
 
Máis alá dos límites comunitarios, a Presidencia da CALRE mantivo durante este ano reunións conxuntas con representantes de Nacións Unidas para o fortalecemento dos dereitos fundamentais e para o intercambio de información e mellores prácticas con outras asociacións de fóra de Europa. En particular fomentáronse relacións e establecéronse lazos coa NCSL-Conferencia Nacional das Lexislaturas Estatais (USA), a Alianza de Conselleiros Locais Xaponeses, a asociación que reúne aos parlamentos de Brasil (UNALE) ou o Foro Comunitario Global de autoridades locais de Taiwán. Estas conversas posibilitaron a presenza estes días en Santiago de diferentes representantes internacionais, ademais dos da UE.
 
Pilar Rojo, neste balance que presentou con ocasión da celebración en Santiago da Asemblea Plenaria da CALRE, sostivo que o 2014 serviu así mesmo para reforzar a visiblidade da asociación, non só cara ao exterior senón tamén por unha maior participación dos parlamentos integrados na asociación nas actividades e grupos de traballo.
 
A presidenta pechou á súa intervención felicitando ao presidente da Rexión de Lombardia, Raffaele Cattaneo, que ocupará a Presidencia da CALRE en 2015.
 
Derradeira xornada
 
Esta intervención tivo lugar na segunda e derradeira xornada da XVIII Asemblea Xeral que se celebrou desde onte na sede do Parlamento de Galicia e que rematou este mediodía cunha conferencia do presidente do Comité das Rexións, Michel Lebrun.
Os participantes na Asemblea aprobaron unha declaración institucional na que reivindican o protagonismo dos parlamentos rexionais,  transmiten o seu apoio ás políticas de transparencia, defenden a igualdade de xénero e pon en valor a vixencia do Camiño de Santiago.

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina