Santiago, 31 de xullo de 2019.- Gonzalo Caballero Míguez e Mª Teresa Porritt Lueiro tomaron posesión esta mañá, no Pleno da Cámara, como deputado e deputada do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia no Parlamento de Galicia.
Gonzalo Caballero Míguez (Ponteareas, 1975) accede á Cámara en substitución de Abel Fermín Losada Álvarez como deputado pola circunscrición de Pontevedra. É licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais con Premio Extraordinario ao primeiro da promoción. Doutor en Economía pola Universidade de Vigo e Doutor en Ciencia Política pola Universidade de Santiago de Compostela, é profesor titular de Economía Aplicada na Universidade de Vigo e foi Visiting Scholar na Washington University en St. Louis, na University of California en Santa Barbara e na University of California in Berkeley, entre outras. Ten publicado máis dun centenar de traballos académicos en diversas revistas científicas nacionais e internacionais, e quince obras académicas. A súa última obra editada foi o libro State, Institutions and Democracy (Springer, 2017, editado con Norman Schofield). É secretario xeral do PSdeG, así como membro do Comité Federal e do Consello de Política Federal do PSOE
Teresa Porritt Lueiro (Vigo, 1964) substitúe a Juan Manuel Díaz Villoslada como deputada pola circunscrición da Coruña. É licenciada en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela (1984-1989) e diplomada en Ciencias Empresariais pola Universidade de Vigo (1990-1992), ten o máster en Tributación e Sistemas Fiscais da Escola de Negocios de Caixanova. Foi profesora asociada na Universidade de Vigo e é funcionaria de carreira do corpo de Xestión de Facenda Pública dende 1997 (especialidades de Xestión, Recadación, Xestión Aduaneira e Inspección auxiliar dende 2003). Desempeñou as súas funcións en Barcelona como xefa de xestión tributaria de IVE e IRPF; en Ribeira, na oficina de recursos e sancións; e en Vigo, na Aduana. Na actualidade, ademais, é presidenta da Comisión de Control Económico do PSdeG.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.