O Parlamento de Galicia reduce os soldos dos deputados un 10% e o da presidenta da Cámara nun 15%

 
O recorte terá efecto a partir do 1 de xuño e xa se trasladará á próxima nómina de deputados e funcionarios
 
• Pilar Rojo someterá a proposta de recorte salarial a  votación nunha reunión da Mesa da Cámara prevista para o vindeiro luns, logo de acadar a confomidade dos portavoces dos tres grupos parlamentarios

Santiago, 18 de xuño de 2010.- Os soldos dos deputados do Parlamento de Galicia reduciránse nun 10% unha vez que sexa aprobada a proposta que a presidenta da Cámara, Pilar Rojo, someterá a votación na reunión da Mesa prevista para o próximo luns, 21 de xuño.
 
Rojo Noguera presentou esta proposta aos portavoces dos tres grupos parlamentarios representados no lexislativo galego no transcurso dunha reunión celebrada onte no Parlamento de Galicia. Os representantes dos partidos amosaron a súa conformidade.
 
O maior recorte, na nómina da presidenta
 
Con todo, a reducción será proporcional e mentres que a do 10% se aplicará sobre o salario dos deputados, no caso da presidenta da Cámara, o recorte ascenderá a un 15%. Os restantes integrantes da Mesa do Parlamento, así como os portavoces dos grupos parlamentarios, verán reducidas as súas retribucións nun 12%. A presidenta da Cámara propón este recorte adicional para ela, para os membros da Mesa e para os portavoces por entender que a reducción debe ser proporcional e acorde co nivel de responsabilidade.
 
Con efectos desde o 1 de xuño
 
A reducción salarial que Pilar Rojo espera aprobar o vindeiro luns terá efectos a partir do 1 de xuño de 2010, de xeito que os deputados xa verán recurtado o soldo na vindeira nómina.
As porcentaxes de reduccións salariais propostas para os parlamentarios galegos sitúanse na liña das acordadas no Congreso dos Deputados. 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas