saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 11 de setembro de 2019


 
4.4 53132 (10/PNP-003960)
Grupo Parlamentario Mixto
Vázquez Verao, Paula e Villares Naveira, Luis
Sobre a elaboración por parte da Xunta de Galicia, antes do primeiro trimestre de 2020, dun protocolo específico de atención ás persoas maiores que viven soas
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 521, do 29.08.2019
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
 
1. Elaborar  en 2020  un  Protocolo  específico  de Atención ás persoas maiores que viven soas que coordine as actuacións de todos os    servizos    públicos    e    institucións    implicadas    na    materia,    contando especialmente cos Servizos Sociais Comunitarios, no marco da Estratexia galega de Atención a este fenómero da soidade non desexada.
 
2.  Estender  de  xeito  eficaz  o  servizo  de  HADO  de  xeito  que  se  garanta  a cobertura en todo o territorio, tamén no medio rural, coordinándose coa Atención Primaria.
 
3.  Aumentar os orzamentos para o Plan Concertado para garantir o Servizo de Axuda no Fogar de xeito que se garanta a cobertura en todo o territorio e o aumento do tempo de atención a cada persoa usuaria
 
4.   Prestar   apoio   técnico   aos   Concellos   para   a   elaboración   de   protocolos sociosanitarios municipais de atención ás persoas maiores que viven soas, no marco da Estratexia Galega de Atención a este fenómeno de socidade non desexada.
 
5.- Axilizar o estudo e censo de persoas maiores que viven soas, acordado polo Parlamento de Galicia o 26 de xuño de 2019.
 
6. Sensibilizar á cidadanía e formar ás e aos profesionais sobre o illamento social e as súas consecuencias”.

4.5 53868 (10/PNP-003989)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Tellado Filgueira, Miguel Ángel e 14 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para solicitar do Goberno do Estado a adopción de varias medidas no eido da transición enerxética que permitan o mantemento da actividade e o emprego vinculado á central térmica das Pontes
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG n.º 521, do 29.08.2019
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“ O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno  do  Estado para solicitar:
 
1º.-   A  supresión  do  céntimo  verde  para  o  carbón,  ao  igual  que  se  ten  realizado  para outras  tecnoloxías,  como  é  o  caso  do  gas,  garantindo  deste  xeito  a  neutralidade tecnolóxica.
 
2º.-   A  adopción  dun  mecanismo  de  compensación  de  pagos  por  capacidade pola dispoñibilidade para cubrir a demanda en horas punta do sistema eléctrico.
 
3º.-  O establecemento dunha exención das medidas fiscais preventivas na Lei 15/2012, do 27 de decembro, de medidas fiscais para a sustentabilidade enerxética, ás centrais térmicas de carbón de importación que estean en proceso de adaptación á Directiva de Emisións Industriais.
 
4º.-   A  fixación  dunha  retribución  específica  nos  casos  en  que  se  estea  utilizando,  por exemplo, biomasa forestal para o funcionamento destas centrais térmicas.
 
5º.-   A  súa  participación  na  iniciativa  conxunta  que  a  Xunta  de  Galicia  está  a  impulsar con  sindicatos  e  axentes  sociais  e  económicos  na  defensa  dos  intereses  do  emprego directo  e  indirecto  vinculado  á  central  térmica  das Pontes,  apostando  así  por  unha transición enerxética xusta e ordenada”.
 
4.8 54185 (10/PNP-004018)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Trenor López, Gonzalo e 17 máis
Sobre o mantemento por parte da Xunta de Galicia da defensa diante da Unesco dunha candidatura para a declaración como patrimonio da humanidade da totalidade do actual territorio do Parque Nacional da Illas Atlánticas de Galicia e que non exclúa os arquipélagos de Ons e Sálvora nin a illa de Cortegada.
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG
n.º 521, do 29.08.2019
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a manter a súa defensa ante a UNESCO dunha candidatura a Patrimonio da Humanidade que abarque a totalidade do territorio do actual Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e que, por tanto, non exclúa aos arquipélagos de Ons e Sálvora nin a illa de Cortegada”.

4.9 54188 (10/PNP-004019)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Presas Bergantiños, Noa e 5 máis
Sobre a actuación que debe levar a cabo o Goberno galego para a activación das cubas, así como para o mantemento do emprego e da actividade industrial, na factoría de Alcoa en San Cibrao, e as demandas que debe realizar ao Goberno central para paliar a crise da industria electrointensiva galega
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 521, do 29.08.2019
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento Galego acorda instar á Xunta de Galicia a:
 
1. Constituír  unha  mesa  de  negociación  con Alcoa  e  o  Comité  de  Empresa  de San Cibrao para demandar a activación das cubas en suspenso e velar polo mantemento do  emprego  e  da  actividade  industrial  en  tanto  se mantén a  actual  situación  de  declive industrial e inestabilidade nos prezos da enerxía.
 
2. Demandar do Goberno central medidas urxentes respecto do marco enerxético co fin de  paliar a crise da industria electrointensiva galega:
 
a) aprobación  inmediata  do  estatuto  de  electrointensivas  tendo  en  conta  as achegas  do  sector  galego,  coa inclusión  dun  paquete  de medidas  compensatorias  polos atrasos antes do final de 2019.
 
b)  planificación  da  substitución  do  sistema  de  poxa  de  interrumpibilidade  por unha regulación estable que permita prezos competitivos no sector con compromisos no mantemento do emprego.
 
c) consideración, no futuro sistema enerxético, do papel de produtor de Galicia, que deberá ser beneficiada polos custes ambientais e sociais de soportar a xeración.”
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina