saltar ao contido

Santalices felicita ao equipo do HC San Rafael, de Vigo, “expresión máxima de solidariedade e entrega ás persoas máis desvalidas da sociedade”

  • O presidente do Parlamento de Galicia participou no acto conmemorativo do 80 aniversario desta institución asistencial impulsada pola Orde Hospitalaria de San Xoán de Deus

 

 

Santiago, 16 de novembro de 2023.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou este mediodía, en Vigo, no acto conmemorativo do 80 aniversario do Fogar e Clínica San Rafael, institución dependente da Orde Hospitalaria de San Xoán de Deus que, ao seu xuízo, desenvolve un “labor titánico".

 

Recordou Santalices que aínda que se trata dun centro católico, está aberto a “todas as persoas que necesitan os seus servizos e coidados; a ninguén se lle pregunta polas súas crenzas procedencia ou xénero".

 

Para o presidente do Parlamento de Galicia, o equipo humano de San Rafael constitúe a “expresión máxima da solidariedade e entrega das persoas para cos seus semellantes, cos máis desvalidos da sociedade, non sempre visibles, pero sempre vulnerables e necesitados do coidado e do agarimo dunha man amiga".

 

Nunha sociedade na que prima a superficialidade e se valoran aspectos como a popularidade, o traballo dos irmáns de San Xoán de Deus, do voluntariado que colabora con eles e de todo o persoal do Fogar San Rafael constitúe, en opinión de Santalices, “un exemplo impagable para todos, especialmente para a xente moza". “O verdadeiro heroísmo reside na entrega aos demais", enfatizou.

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.​



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina